Noticias
Fútbol

Thiago e Rafinha Alcántara dirixirán un campus de fútbol con base entre Fornelos e Ponte Caldelas

Un total de 60 rapaces de catro países distintos farán actividades na Granxa El Kiriko e adestrarán no campo de Chan da Barcia


24 xuño 2017

A granxa El Kiriko, de Fornelos de Montes, e o campo de fútbol de Chan da Barcia, de Ponte Caldelas, acollen o campus Alcántara, que dirixen os irmáns Thiago e Rafinha, xogadores do Bayern de Munich e do Barcelona e que se vai desenvolver ao longo da próxima semana.

Un total de 60 rapaces chegados de toda España, entre os que tamén haberá alumnos ingleses, xaponeses e malteses, comezan a chegar mañá domingo ás instalacións de El Kiriko. Estarán na bisbarra do Verdugo-Oitavén ata o próximo sábado, despois de sete días nos que combinarán adestramentos de fútbol en horario intensivo de mañá, con actividades paralelas de lecer ao longo da tarde.

A directora de El Kiriko, Lucrecia García, expresou o seu agradecemento aos irmáns Alcántara, dos que, asegura, se amosaron en todo momento entusiasmados co proxecto e cunha implicación persoal absoluta. Asegura que os futbolistas buscaban un emprazamento en Galicia para celebrar este primeiro campus Alcántara e contactaron con este centro vacacional e de actividades infantís e xuvenís. Unha vez visitadas as súas instalacións quedaron encantados e confirmaron a escolla.

Os irmáns Alcántara, manteñen os vínculos con Galicia, onde reside a súa familia, e moi especialmente co Celta de Vigo, polo que non dubidaron á hora de buscar emprazamento. Os dous chegarán entre o martes e o mércores. Ata entón, os  rapaces realizarán unha primeira iniciación con adestradores profesionais. Os fillos de Mazinho atenderán aos medios de comunicación interesados na mañá do próximo mércores. O sábado, ao remate do campus, partirán inmediatamente para atender as súas obrigas profesionais.

O campus está dirixido a rapaces de entre 8 e 16 anos. Foron seleccionados entre as solicitudes chegadas durante o prazo de inscrición. Terán unha axenda moi intensa, con adestramentos de 10 a 13.45 horas en Ponte Caldelas. Parada para comer, e actividades lúdicas pola tarde, aproveitando todos os recursos de natureza e vacacionais de El Kiriko.

O mércores terán unha xornada de convivencia coa Escola Deportiva Municipal de Ponte Caldelas, baixo a coordinación de Pedro Rodríguez, presidente da SCD Ponte Caldelas. Ao acto asistirán o alcalde, Andrés Díaz, e tamén os membros do Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG. Cómpre destacar que no grupo de goberno hai varios celtistas, pero destaca un socio do club celeste, habitual de Balaídos, que é Lito Muíños.

O Goberno local caldelán está moi agradecido aos  responsables da granxa e aos irmáns Alcántara por ter apostado por este municipio para desenvolver un campus de fútbol que nace este ano con vocación de consolidarse converterse nunha das principais referencias na oferta formativa de verán do "deporte rei".


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións