Noticias
DepoTermal

Ponte Caldelas tramita as estancias en balnearios dentro do programa provincial Depotermal

As persoas interesadas deben presentar as súas solicitudes antes do próximo día 30


18 xuño 2017
Ponte Caldelas

As persoas interesadas en beneficiarse do programa Deportermal 2017 da Deputación Provincial de Pontevedra deben pasar polo Concello para anotarse antes do día 30 deste mes de xuño.

O programa facilita a asistencia diaria, durante 5 días consecutivos a balnearios, ou ben a pernoita con réxime de pensión completa de domingo a venres.

Ata o día de hoxe téñense recibido menos solicitudes do habitual, polo que dende o Concello se lembra que o prazo remata o día 30 para as persoas que, habitualmente, están interesadas neste programa.

Os requisitos consisten en ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967, estar empadroado en Ponte Caldelas ou precisar dun "respiro" familiar. As persoas nacidas con posterioridade a esta  data tamén poden participar se teñen condición de pensionista de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Ou no caso de ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 65%. As parellas que desexen participar conxuntamente deben cumprir os requisitos expresados para os dous cónxuxes.

Cómpre presentar documento de identidade, certificado de pensión ou certificado de discapacidade, se é o caso.

Máis información nos Servizos Sociais municipais de luns a xoves, en horario de 9 a 14 horas.


Outras novas