Noticias
Finca

Ponte Caldelas lembra que o día 30 remata o prazo para limpar as fincas en prevención de incendios

A obriga emana da ordenanza aprobada polo Concello


15 xuño 2017
Ponte Caldelas

Os propietarios de fincas urbanas en Ponte Caldelas teñen obriga de limpalas antes do próximo día 30. O Concello, que xa publicou un bando, volve advertir á veciñanza que a nova ordenanza municipal, que entrou en vigor en xaneiro pasado, facúltao para a imposición de multas que oscilan entre os 100 e os 3.000 euros e tamén a executar forzosamente os traballos.

A nova ordenanza céntrase nas competencias municipais, que se cinguen ao centro urbano e ao solo de núcleo rural, mentres que a superficie rústica ou forestal é competencia da Xunta de Galicia, destaca o alcalde, Andrés Díaz, á fronte dun Goberno municipal tripartito encabezado polo PSdeG-PSOE e integrado tamén por AVP e BNG.

O Concello notificará aos propietarios das fincas en situación de risco cando teña constancia dos feitos. En caso de non atender a orde de execución no prazo máximo de un mes, ábrese a vía ao expediente sancionador. O importe dependerá da gravidade da situación. Nos casos en que se estime oportuno, en atención á desobediencia ou á situación de risco producida, iniciarase a vía da execución subsidiaria, pola que se limpará con medios municipais e se repercutirá a factura, ademais da multa, aos infractores.

A ordenanza afecta tamén a unha franxa de 50 metros ao redor do solo urbano e de núcleo rural, onde será necesario manter o solo limpo de broza e vexetación descontrolada e queda tamén prohibido a plantación de árbores de especies que propaguen o lume con facilidade, como o eucalipto, a mimosa e outras. Esta circunstancia afecta especialmente ás comunidades de montes.

O alcalde destaca que está a recibir numerosas queixas na Alcaldía por parte de veciños que viven apegados a fincas que, a día de hoxe, seguen sen limpar, xerando así un risco potencial que o Concello non pode permitir.

O rexedor engade que non hai afán recadatorio ningún e, por este motivo, estanse producindo reiterados avisos para que ninguén poda alegar desinformación. Ademais da publicación da ordenanza, e dun bando recordatorio, se está a transmitir a obriga de limpar antes do día 30 mesmo de xeito verbal. "Ninguén quere que logo haxa que lamentar situacións que son perfectamente evitables", conclúe.


Outras novas