Noticias
Socorrismo

Ponte Caldelas informa a Adeac e ao público das dificultades para contratar socorristas na Calzada

O Concello subliña que estamos diante dun problema xenérico e complexo e agarda contar cos tres titulados necesarios en poucos días


16 xullo 2017

As dificultades que afectan a moitos dos concellos galegos dotados de praia con bandeira azul chegaron tamén a Ponte Caldelas. O Goberno local caldelán informou xa a principios deste mes de xullo á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) de que arrancaba a temporada cun socorrista titulado e outros dous coa formación teórica rematada e realizando as prácticas preceptivas do curso de socorrismo da Academia Galega de Seguridade. A bandeira azul obriga a dispor de tres socorristas no cadro de persoal e á presencia permanente de dous.

Este venres rematou o período de prácticas, polo que os novos titulados estarían en condicións de poder inscribirse no rexistro de socorristas acuáticos de Galicia, na sección de Espazos acuáticos naturais. Un deles comunicou ao Concello que, logo de darse de alta nas oficinas de emprego, consolidaría un dos postos vacantes. Non obstante, o outro decidiu que non lle interesa por estar traballando. Afortunadamente, hai outro candidato que vén de manifestar ao Concello o seu interese en realizar as funcións de socorrista na praia fluvial, polo que agárdase dar a cobertura necesaria en breve prazo.

Ao non dispor da cobertura necesaria durante esta fin de semana, o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) decidiu arriar a bandeira azul. Ademais, comunicou novamente a ADEAC as novidades, nun exercizo de transparencia, xunto coas xestións en marcha. Ademais instalou carteis informativos na propia praia da Calzada.

Por parte do Concello, estase a realizar un importante esforzo administrativo que o alcalde, Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno local, quere agradecer explicitamente aos funcionarios municipais, nun contexto no que a consecución de especialistas titulados estase a converter nun problema xeneralizado. Díaz pide responsabilidade antes de lanzar críticas inxustas que só poden proceder da desinformación.

O alcalde subliña que descartou contratar a través das asociacións ou empresas privadas que se están a implantar neste sector, e que reclaman tarifas que se achegan aos 200 euros diarios por socorrista e, ademais, esixindo unha contratación mínima de dous. Esta fórmula, engade, tería suposto asumir un custo irracional, mesmo nunha soa fin de semana.

Por tanto, mentres  a situación non se solucione completamente, arriarase a bandeira azul cando non estean de servizo dous socorristas, como esixen as bases da bandeira azul.

O Concello reitera que estamos diante dun problema complexo. De feito, lembra que na primeira oferta de emprego conseguiu seleccionar a dous socorristas titulados, co que, coa incorporación do terceiro unha vez rematadas as prácticas, non se tería producido o problema. Porén, un dos seleccionados tivo un comportamento inadecuado, porque nin renunciou, nin se presentou o primeiro dia de traballo, co que foi preciso comezar cun titulado e dous en prácticas, desembocando na actual situación. "Queda claro que se temos un problema temporal é por causas alleas ao Concello e ao esforzo dos funcionarios encargados de seleccionalos, porque máis non se pode facer", subliña o alcalde.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións