Noticias
Fogueira de San Xoan

Ponte Caldelas celebrará 51 fogueiras na noite de San Xoán e outras 17 na de San Pedro

O Concello pon en marcha o dispositivo de seguridade e lembra aos titulares das autorizacións a obriga de cumprir a normativa


21 xuño 2017

As fogueiras proliferan no San Xoán de Ponte Caldelas. O Concello vén de autorizar un total de 51 para a noite máxica do 23 ao 24 deste mes, o que supón un crecemento notable sobre as 45 autorizadas o ano pasado, cando xa se tiña rexistrado un aumento importante. Ademais, mantense a tradición das fogueiras da noite de San Pedro (do 28 ao 29 deste mes), que soben das 6 do ano pasado ata un total de 17.

O decreto asinado polo alcalde, Andrés Díaz, constata que todas as parroquias e practicamente todos os núcleos rurais terán o seu "lume purificador". Tan só tres solicitudes foron denegadas por non cumprir os requisitos esixidos. Todas as fogueiras están a nome dunha persoa, responsable do cumprimento das condicións.

As autorizacións foron concedidas de acordo co previsto na Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo que non se autoriza o lume en zonas de influencia forestal. Ademais o Concello recalca que autorización quedará automaticamente revogada en caso de risco extremo de incendio forestal segundo a publicación do índice na páxina web da Consellería de Medio Rural. En caso de que o vento impida un control adecuado, deberá apagarse inmediatamente.

As fogueiras poden ter unha altura máxima de 2 metros e un diámetro de 4 metros. Deben situarse en zonas idóneas e cunha distancia mínima ás casas de 20 metros. Non poderá haber vehículos de tracción mecánica dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables. Por outra banda, as cacharelas deben situarse en buracos o máis profundos posible e rodeados de pedra ou dunha pequena gabia. Ademais, os organizadores deberán ter a man mangueiras e extintores ou, polo menos, auga suficiente. Outra das condicións atinxe aos materiais que está prohibido queimar, entre os que figuran nin as rodas, plásticos ou calquera outro material especialmente combustible, coa única excepción da madeira. Do mesmo xeito, está prohibido compoñer as fogueiras con papeis, cartóns ou ramallos de eucalipto, pois son susceptibles de producir faíscas que, co vento, incrementan o risco de propagación. A hora límite para  rematar son as 3.30 horas, de conformidade co Decreto da Xunta de Galicia que regula as festas e romarías populares.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) despregará durante as noites de San Xoán e San Pedro un operativo de seguridade que implica á Policía Local, en colaboración coa Garda Civil. Ademais manterá alerta á dotación do camión motobomba municipal para atender calquera posible incidencia.


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende