Noticias
Limpeza da área arqueolóxica Tourón

Os petróglifos de Tourón locen en todo o seu esplendor tras unha limpeza integral de máis de 15 hectáreas

O Concello corta matos de máis de 3 metros de altura e repara todo o valado tras unha década de absoluto abandono


14 xuño 2017
Ponte Caldelas

A Área Arqueolóxica de Tourón, que acolle o que moitos expertos consideran como o mellor conxunto de petróglifos de Galicia, loce espléndida despois do acondicionamento integral acometido polo Concello de Ponte Caldelas. A piques de rematar a corta integral dos matos e toxos que invadían as máis de 15 Hectáreas de superficie de espazo arqueolóxico, os resultados desta extensa actuación xa son ben visibles.

O Goberno coaligado, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, aborda así o que supón a primeira actuación integral da historia deste espazo, inaugurado en 2007 e que se atopou  nun franco deterioro. Ademais da corta e limpeza da vexetación invasora, que alcanzaba máis de 3 metros de altura e supoñía un claro risco de incendio, abordou a reparación integral de todo o valado perimetral de madeira, que estaba podre e que presentaba numerosos ocos. No tratamento repuxéronse máis de 350 postes e travesas. Anteriormente, procedeu ao acondicionamento da rede de camiños, á renovación de todos os sinais explicativos dos diferentes grupos de insculturas pétreas, completamente queimados polo sol, e, finalmente, realizou reparacións e melloras no edificio do Centro de Interpretación.

O alcalde, Andrés Díaz, realizou unha visita a Tourón para comprobar os resultados dunha actuación municipal que cualificou como "impresionante pola súa extensión e polos resultados que se aprecian". Despois da supervisión indicou que só queda pendente a zona máis alta, con forte pendente, onde se detectaron árbores invasoras como as acacias, que é preciso controlar para que non se estendan.

Andrés Díaz subliñou a dificultade desta limpeza, pois a maquinaria utilizada quedaba literalmente sepultada polos toxos, que tiñan alcanzado un volume abraiante. Ademais, o traballo viuse dificultado pola propia orografía, que é complicada, e está marcada polas pendentes, a existencia de canles de auga e numerosos foxos produto das catas sobre o terreo realizadas hai anos. A limpeza serviu tamén para  descubrir moitos carballos e bidueiros de pequeno tamaño que estaban completamente afogados polo mato. Os traballos realizáronse coa precaución necesaria para preservalos e facer posible que, dentro dalgúns anos, crezan o suficiente para que a inmensa ladeira de Tourón cobre o aspecto dunha carballeira cun solo limpo e ordenado.

O alcalde lamentou que a conservación dun espazo arqueolóxico único no mundo dependa unicamente do Concello de Ponte Caldelas, obrigado a realizar traballos custosos "sen un só euro da Xunta de Galicia". Os petróglifos son unha arte milenaria, declarada BIC, e que moitos colectivos, entre eles o propio Concello están reclamando que sexan declarados tamén patrimonio da humanidade pola UNESCO, "pero a Xunta, como é habitual, lava as mans", concluíu.

O Concello de Ponte Caldelas, que está a potenciar Tourón como centro de visitas de centros escolares de toda España, despois de eliminar a taxa de 2 euros por alumno, un gravame que o alcalde cualificou no seu día como "ridículo", prepara unha nova exaltación deste espazo arqueolóxico. Así, o próximo día 15 de xullo, haberá unha visita guiada a cargo do arqueólogo Xosé Lois Vilar, a partir das 17.30 horas. A visita será completamente gratuíta e invítase expresamente a toda a veciñanza.


Outras novas