Noticias
Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas leva gratuitamente á rapazada ao Aquapark de Cerceda

A iniciativa, organizada en colaboración coas ANPA dos tres centros educativos, xa se desenvolveu o ano pasado cun enorme éxito


31 maio 2017
Ponte Caldelas

O alumnado de Ponte Caldelas encherá o próximo día 27 de xuño o parque acuático de Cerceda (A Coruña). O Concello puxo en marcha esta iniciativa o ano pasado e, diante do éxito colleitado, repite experiencia, desta volta xa coa colaboración das ANPA dos tres centros educativos do municipio.

As ANPA dos colexios de A Reigosa e Manuel Cordo Boullosa e do instituto de Ensino Secundario coordinan os preparativos. Xa puxeron as solicitudes a disposición de todas as persoas interesadas na Conserxería dos centros. Deben entregarse antes do próximo día 20 de xuño, no caso dos colexios, e antes do 16 de xuño no caso do instituto. O Concello advirte de que os rapaces deberán ir acompañados dun adulto.

O Concello asume os gastos do transporte e a entrada ao recinto do Aquapark, polo que, no caso do instituto, que acolle a rapaces de varios municipios da bisbarra, a actividade está limitada aos empadroados en Ponte Caldelas. Os municipios da bisbarra declinaron a oferta caldelán para participar neste programa.

O pasado ano, un total de 400 rapaces participaron nesta excursión dun día a Cerceda, o que supuxo a contratación de sete autobuses.


Outras novas