Noticias
Camión de bombeiros

O alcalde de Ponte Caldelas urxe unha xuntanza para falar da comarcalización dos bombeiros de Pontevedra

Remite unha carta ao conselleiro de Presidencia, á presidenta da Deputación e ás Alcaldías de nove concellos


19 xullo 2017

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, remitiu unha carta ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e aos alcaldes de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa, Barro, A Lama, Fornelos de Montes, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade para solicitar a convocatoria dunha xuntanza urxente que dea inicio á comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra e á súa integración "plena e eficaz" no mapa de emerxencias galego.

A misiva, que se remitiu despois de manter conversas informais con varios dos destinatarios, conclúe apelando "ao sentido de responsabilidade para solucionar os problemas reais da xente  e agardo que entre todos e todas teñamos o talento necesario para deixar as disputas políticas á parte e nos poñamos a colaborar de xeito inmediato". "A sociedade nolo demanda", conclúe Díaz.

A iniciativa pretende que a sensibilidade  social suscitada polo incendio da carpintaría de Tenorio, na que se volveron a evidenciar as serias carencias na xestión das emerxencias nos concellos máis próximos á capital da provincia, e moi especialmente na bisbarra do Verdugo-Oitavén, se esvaeza sen resolver o problema. O alcalde caldelán cualifica este incendio como "un toque de atención serio que non podemos pasar por alto" e engade que "a vida e a seguridade están por enriba de calquera discrepancia ou rivalidade política".

A xuízo de Andrés Díaz cómpre elevar o debate e non perderse en culpar ao condutor dunha motobomba ou aos mandos intermedios ou órganos responsables do consorcio provincial de Bombeiros. Os tempos de resposta dende os parques de Bueu ou Ribadumia, son, no mellor dos casos, próximos a unha hora "e por iso resulta pouco construtivo buscar responsabilidades no consorcio participado pola Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Ao seu entender hai unha zona de sombra no mapa de emerxencias galego e hai que pensar en solucionala canto antes.

O alcalde caldelán insiste en que tócalle aos máximos responsables das emerxencias da Xunta de Galicia, da Deputación e tamén aos alcaldes poñerse a traballar xuntos para afrontar os retos do presente, despois de que se teña perdido moito tempo esquivando a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra, un asunto que mesmo foi historicamente defendido polo Concello capitalino.

"O parque de bombeiros de Pontevedra, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa dotación de medios humanos e materiais, é o máis adecuado para corrixir esta carencia", subliña Andrés Díaz, "pero, ao tratarse dun parque municipal, é preciso abordar en serio a súa conversión nun parque comarcal, coa fórmula xurídica que proceda, e coa ampliación de medios necesaria para atender a unha poboación superior á da capital da provincia e tamén moito máis dispersa".

O alcalde destaca que a precariedade no servizo de bombeiros levou ao Concello de Ponte Caldelas, que conta con centro urbano e 33 núcleos de poboación espallados por todo o municipio, a atender as alertas coa motobomba do seu parque municipal e un vello alxibe recentemente recuperado. E todo elo, subliña, grazas á colaboración voluntaria dos operarios da brigada municipal de Obras.

A misiva, nun intento de dar impulso inmediato a esta iniciativa, ofrece o propio Concello de Ponte Caldelas como sede da xuntanza, pero ábrese a calquera outro lugar que se considere axeitado por parte das autoridades da Xunta, Deputación ou os concellos afectados. O importante é poñer data canto antes; "sexa onde sexa, contade co noso apoio por anticipado", remata.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións