Noticias
Izado da bandeira azul

A praia da Calzada xa loce a bandeira azul despois dos últimos traballos de posta a punto

O Concello colabora coa asociación ADEAC e a fundación Mapfre nun curso de prevención de afogamentos


01 xullo 2017

O Goberno local case ao completo desprazouse ata a praia fluvial da Calzada para izar a bandeira azul e celebrar, un ano máis, que Ponte Caldelas volve ser o único municipio de España en contar con este distintivo nun areal de interior. O alcalde e os concelleiros colocaron tamén a placa que sinala o sendeiro azul, que é o roteiro circular que parte deste punto e percorre algunhas da máis fermosas paraxes do río Verdugo.

O equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) comprobou o remate de todos os preparativos, que consistiron nun acondicionamento xeral de toda a contorna, incluíndo o vernizado de bancos e mesas de madeira, pasarelas deterioradas polos últimos temporais, instalación das boias de seguridade, varandas e recheo do espazo do areeiro. Ao mesmo quedaron contratados os socorristas.

Por outra banda, hai poucos días volveu funcionar o kiosko cunha concesión estable para os dous próximos anos, despois de que fóra recibido en precario a comezos do mandato. Esta noite celébrase un acto de inauguración desta instalación hostaleira. Obsequiarase con  pinchos gratis a todos os clientes e serveranse consumicións básicas ao prezo dun euro.

A bandeira, concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) no ano 2014, é un recoñecemento ao esforzo de mantemento deste espazo natural e, dende entón, conseguiuse revalidar todos os anos. O ano pasado conseguiuse redondear o fito coa consecución do primeiro sendeiro azul de interior de España.

A principal novidade  deste ano é a profunda reforma acometida no paseo da Calzada cun investimento municipal próximo aos 100.000 euros. O acceso, que estaba nun estado deplorable, quedou agora perfectamente asfaltado e dotado dun carril-bici e de badéns redutores de velocidade. Os tramos máis estreitos desta vía municipal foron ampliados con acordos cos veciños, que cederon a cambio da construción do muro de peche ou remate das súas propiedades.

O esforzo do Concello complementarase tamén este ano coa organización dun curso específico gratuíto e aberto ao público para prevención de afogamentos. A actividade organízase en colaboración coa asociación ADEAC e a fundación Mapfre. As sesións de formación celébranse mañá, domingo, e pasado mañá, luns, ás 17.00 horas.

No curso informarase sobre os riscos nos espazos acuáticos e ofreceranse consellos sobre como actuar en cada caso. Aos adultos váiselles entregar un cuadríptico, en forma de tarxeta, cos pasos a seguir e unha guía práctica sobre un abano de cartón. Os cativos (3 a 12 anos), recibirán o agasallo dunha camiseta sobre a que deben pintar un consello preventivo.

Fotos


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende