Noticias
Muro de Taboadelo

A chapuza do muro de Taboadelo queda reparada coa consolidación do terreo e cunha varanda de pedra

O Goberno local conclúe así unhas obras moi demandadas pola parroquia na asemblea veciñal


13 xullo 2017

O que os veciños bautizaron como a "chapuza do muro de Taboadelo" quedou definitivamente solucionada coas obras que o Concello vén de rematar. Punto final ao problema xurdido pola deficiente execución dunha obra por parte do anterior Goberno municipal, cunha apresurada execución ás portas das últimas Eleccións municipais de 2015, que acabou provocando o afundimento do terreo e un serio problema de seguridade viaria.

O actual Goberno local, que está formado pola coalición entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recibiu a petición expresa da asemblea veciñal de Taboadelo para dar prioridade a esta reparación, non só polo risco producido, senón pola necesidade de ampliar o firme neste cruce. Non en van, supón o principal acceso a unha zona da parroquia na que está situada a Casa do Pobo, ademais da conexión á estrada provincial que desemboca en Parada e Ponte Caldelas.

A obra consistiu na consolidación do muro de contención deficientemente executado e a retirada completa do recheo de terra mal compactado, previo precinto de toda a zona diante do perigo para a seguridade viaria e mesmo peonil.

Desta volta utilizáronse materiais adecuados para o recheo, consolidouse o muro e ergueuse unha varanda de pedra para pechar o desnivel. Todo elo perfectamente rematado e con criterios estéticos acaídos. Deixouse preparado un acceso para unha leira particular e na parte baixa, quedou tamén previsto o remate para a instalación da cancela dunha vivenda en construción.

O alcalde visitou o lugar e, despois de falar cos veciños, subliñou que en Taboadelo non só se fixo unha "chapuza escandalosa", senón que se creou unha situación de serio perigo de accidentes "e todo polas présas do PP por inaugurar antes das Eleccións". O malestar en toda a parroquia, engadiu, aínda foi a máis cando logo trataron de xustificar o despropósito dicindo que era "unha primeira fase", "como se as primeiras fases se puideran vir abaixo".


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende