O deputado Jorge Cubela participa en Madrid no coloquio “Valle-Inclán, Luces de Bohemia no seu centenario”

18/04/2024

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, participou esta mañá no Ateneo de Madrid na inauguración do coloquio “Valle-Inclán, Luces de Bohemia no seu centenario”, acto no que tamén estiveron presentes os deputados provinciais Nava Castro e Javier Tourís. Cubela destacou a importancia desta obra, por ser “a peza máis importante da literatura dramática española, e un dos textos teatrais máis transcendentes da dramaturxia contemporánea”. Tamén enxalzou a “xenialidade” de Ramón María del Valle-Inclán, “un dos grandes das letras do noso país e unha figura que, sen dúbida, serviu de exemplo e inspiración para moitos escritores e artistas”.

Valle-Inclán soubo converterse, segundo o responsable provincial de Cultura, “nun auténtico motivo de orgullo para todos os habitantes da provincia de Pontevedra”. Desta maneira, pola universalidade e por ser un dous autores máis referenciados da nosa literatura, “é vital que desde administracións coma a Deputación de Pontevedra promovamos e apoiemos a súa figura e o seu legado”, asegurou Jorge Cubela, ao tempo que lembrou o compromiso da institución provincial “co impulso e promoción das nosas letras, a nosa cultura e os nosos grandes referentes”.