Luis López destaca as 170 adopcións e o coidado de 288 cans no que vai de ano como mostra de que o CAAN é un centro de referencia en benestar animal na provincia

O dirixente provincial percorreu as instalacións deste centro de acollida dependente da Deputación acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda

18/04/2024

Luis López recorreo o CAAN acompañado do presidente da Xunta de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), situado na Armenteira e dependente do organismo provincial, como un centro de referencia en benestar animal, no que conviven actualmente 288 cans sen fogar e no que se xestionaron 170 adopcións no que vai de ano. O mandatario provincial visitou este xoves as instalacións do refuxio acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para coñecer o funcionamento do centro e os servizos que lles prestan tanto aos animais coma os de cooperación cos 52 concellos da provincia cos que colabora á hora de recoller animais sen fogar, abandonados ou que provocan algún tipo de problema de convivencia.

"O CAAN é unha referencia en benestar animal, polos coidados desde o lugar de recollida; en cooperación e municipalismo, porque está a disposición dos concellos e son 52 os adheridos; e en sostibilidade, a que ten que ver coas colonias felinas", destacou o presidente, Luis López, despois da visita guiada polos responsables do centro, na que tamén estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o deputado provincial responsable deste departamento, Marcos Guisasola; e o delegado territorial da Xunta Agustín Reguera.

Neste sentido, o titular da Deputación recordou o acordo para renovar o contrato de xestión do CAAN que supón o investimento de 1,4 millóns de euros nos dous vindeiros anos, o reforzo dos servizos coma o de recollida de animais as 24 horas do día e todos os días do ano, as atencións básicas necesarias aos cans que residen no centro e o asesoramento ás persoas interesadas en adoptar. Do mesmo xeito, este contrato inclúe unha novidade, a cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o control das colonias felinas a través da identificación, vacinación, desparasitación e esterilización.

O Centro de Acollida e Protección de Animais entrou en funcionamento no ano 2013 e desde entón xestionou arredor de 5.000 adopcións, das que 170 tiveron lugar ao longo deste 2024. En 2023 encontraron un novo fogar un total de 597 cans. "Fago un chamamento á adopción de animais e, como Deputación, temos que dicir que estamos moi orgullosos dun servizo destas características", rematou Luis López.

Galerias de imaxes