Luis López entregará este xoves o premio á mellor iniciativa empresarial de SmartPeme nunha Gala que elixirá ao gañador en directo

A iniciativa premiada será escollida en directo durante a propia gala, na que os asistentes votarán a través dos seus dispositivos móbiles entre o grupo de finalistas seleccionados que se darán a coñecer, tamén, no transcurso do evento

08/05/2024

A Deputación de Pontevedra celebra este xoves 9 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo Provincial a Gala de Emprendemento na que o presidente Luis López fará entrega do premio á mellor iniciativa empresarial do programa SmartPeme na edición 2023-2024. O evento, que será presentado pola xornalista Belén Xestal, ten por obxectivo visibilizar e poñer en valor o tecido emprendedor e contará cun relatorio a cargo de Mercedes e Carmen Zaldívar, irmás fundadoras da empresa LMDI Collection (Las Merceditas de Iria), no que darán a coñecer a súa experiencia.

O premio recalará na mellor iniciativa empresarial que ao longo da edición 2023-2024 participou no programa SmartPeme e consiste nun bono formativo centrado no ámbito empresarial valorado en 3.000 euros. A iniciativa premiada será escollida durante a propia gala, en directo, e serán as persoas que asistan as que decidan a mellor proposta votando a través dos seus dispositivos móbiles entre o grupo de finalistas seleccionados que se darán a coñecer, tamén, no transcurso do evento.

A institución provincial pretende con este premio fomentar e celebrar o espírito emprendedor, inspirando ás veciñas e veciños da provincia a perseguir as súas propias ideas e proxectos. Ademais, a Gala de Emprendemento da Deputación servirá como peche do itinerario de actividades complementarias ligadas a SmartPeme, o programa de apoio a pemes e persoas autónomas da institución provincial centrado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as novas tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial.