Luis López amosa o apoio da Deputación ao sector agrario e gandeiro da provincia cun acordo de colaboración de 150.000 euros coa Fundación Semana Verde de Galicia

O presidente provincial asina co director da Fundación, Ricardo Durán, un convenio para cooperar na organización de feiras e mercados agrarios que potencien a economía e o emprego no interior da provincia

06/05/2024

Convenio coa Fundación Semana Verde de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosa o compromiso do goberno provincial co sector agrogandeiro da comarca do Deza e do conxunto do territorio pontevedrés coa sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Semana Verde de Galicia. Un acordo a través do cal a Deputación achega 150.000 euros para colaborar con esta entidade na organización das súas actividades feriais e mercados agropecuarios. Un pacto que, segundo o mandatario provincial, reflexa a vontade da Deputación de seguir tendendo pontes con entidades tan importantes para a provincia e  economía como a Fundación Semana Verde de Galicia para seguir impulsando o rural e o sector agrario e gandeiro.

A través deste acordo asinado entre Luis López e o director do Padroado da Fundación, Ricardo Durán; a Fundación Semana Verde de Galicia e a Deputación de Pontevedra amosan a súa vontade de cooperar en beneficio dun motor económico e de emprego esencial para as comarcas do interior da provincia. Un convenio que supón unha aposta polo desenvolvemento económico da provincia, un avance á hora de afrontar o reto demográfico e unha nova mostra do apoio da Deputación ao rural. Un documento que, como subliñou o presidente, é froito dunha preocupación e vocación compartida por demostrar que a agricultura e gandería da provincia é presente e tamén futuro.

Nun acto organizado no recinto feiral de Silleda, epicentro da industria agrogandeira de Galicia, o dirixente provincial amosou a súa satisfacción por un convenio que afonda na vocación “municipalista” da Deputación, ao apoiar iniciativas que axudan a concellos como o de Silleda e a comarca do Deza a prosperar. Ao mesmo tempo, contribúe a manter e impulsar a actividade económica, o que promove axuda a frear o despoboamento. Ademais, o apoio a esta Fundación potencia o sector agrario e faino máis competitivo nun mercado global.

Desde a Deputación reiteran o seu compromiso por seguir colaborando en todo o que sexa posible para seguir impulsando este sector fundamental e motor económico, ao tempo que valoran o labor que desempeña a Fundación Semana Verde de Galicia a prol da industria agrícola da provincia.

Galerias de imagenes