A Deputación aproba a lista de entidades que se beneficiarán dos obradoiros para maiores do programa “Provincia activa”

En total, 130 entidades de 42 concellos da provincia teñen asegurada xa unha actividade, coa mobilización de 3.000 persoas. Outras 120 pasan a formar parte da lista de agarda

26/04/2024

Luis López na conferencia de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar a relación de entidades admitidas no programa "Provincia Activa". Trátase dunha iniciativa, tal e como explicou López, "dotada con preto de 150.000 euros para promover actividades que xeren espazos de encontro e intercambio para as persoas maiores" e na que participarán ata un total de "250 entidades das que 130 teñen xa un obradoiro adxudicado e as 120 restantes quedan na lista de agarda".

O presidente provincial remarcou que desde a institución provincial "cremos na necesidade de romper fendas e de non deixar a ninguén atrás ata que consigamos que os nosos veciños teñan a mellor calidade de vida". Neste eido deu conta do éxito do programa, no que este ano a Deputación "tivo un total de 263 solicitudes, 24 máis que o ano pasado". Tendo en conta unicamente as 130 entidades que xa teñen asegurada a súa participación, "teremos unha mobilización de 3.000 persoas maiores de 50 anos" de 42 concellos da provincia: Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Os obradoiros, xestionados pola empresa Xestión Cultural Áurea, están englobados en seis áreas: 'Benestar natural', 'Saúde en movemento', 'Emociónate', 'Outra vida', 'Con ritmo!' e 'Redeir@s'. As actividades máis demandadas foron as de ximnasia de mantemento, bailes de salón e un obradoiro para a estimulación da memoria.

videos

audios