A Deputación colabora co Concello de Baiona na posta en marcha dun novo proxecto piloto de compostaxe

O novo programa céntrase en converter os restos orgánicos dun centro de día local en compost de alta calidade que se empregará para cultivar unha horta ecolóxica

29/04/2024

concelleira de Política Social de Baiona, Ana Iglesias Rodríguez

A Deputación de Pontevedra está a colaborar co Concello de Baiona para poñer en marcha un innovador proxecto de compostaxe nun centro de día do municipio, co obxectivo de promover prácticas sostibles e fomentar a participación comunitaria. O obxectivo é tratar os residuos en orixe e pechar o ciclo de vida dos materiais, polo que o proxecto céntrase en converter os restos orgánicos do centro de día en compost de alta calidade que será empregado, despois, para cultivar unha horta ecolóxica, que proporcionará ingredientes frescos e saudables para os usuarios.

Esta iniciativa conta coa participación activa dos adultos maiores do centro de día, que son os encargados de xestionar a horta, polo que este novo proxecto non só promove un estilo de vida activo e saudable entre os usuarios, senón que tamén fomenta un sentido de comunidade e conexión co medio ambiente. Ademais dos seus beneficios ambientais e sociais, ofrece unha alternativa creativa e entretida para os usuarios do centro, que teñen a oportunidade de participar en actividades relacionadas coa xardinería e a agricultura.

Para poñer en marcha o proxecto, os técnicos de residuos da Deputación de Pontevedra realizaron unha formación co persoal do centro de día e os usuarios, na que estivo presente tamén a concelleira de Política Social de Baiona, Ana Iglesias Rodríguez. Nela, explicaron o funcionamento dos composteiros, detallaron o tipo de materiais que se poden compostar e, entre outras cuestións, as fases do proceso. Grazas a este novo proxecto que pon en marcha a Deputación de Pontevedra, conseguirase un dobre obxectivo: por unha banda, redúcese a cantidade residuos producidos e, pola outra, promóvese a sostibilidade e a economía circular na comunidade.

Galerias de imaxes