A Deputación avanza na redacción do novo viario de conexión entre a EP-4001 Ponteareas-Guillade e a N-120

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, mantivo unha xuntanza con membros do Goberno e persoal técnico do Concello de Ponteareas para avanzar neste proxecto transformador que desafogará tráfico do casco urbano e mellorará as súas conexións

15/04/2024

Isabel Couselo, nunha xuntanza con membros do Goberno e persoal técnico do Concello de Ponteareas

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de manter unha xuntanza de traballo con membros do Goberno e persoal técnico do Concello de Ponteareas para avanzar no proxecto do novo viario de conexión entre a EP-4001 Ponteareas-Guillade e a N-120. Trátase, en palabras da deputada, dun proxecto “transformador que desafogará tráfico do casco urbano e mellorará as conexións da vila”.

O obxectivo desta xuntanza, tal e como informou a deputada provincial, “foi escoitar e atender as prioridades do Concello de Ponteareas e pulir diferentes cuestións dun proxecto no que xa se está a traballar”. Neste sentido, Couselo adiantou que a actuación, incluída no plan xeral de Ponteareas, será redactada polo Servizo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra.

Mediante a nova infraestrutura, tal e como informou Isabel Couselo, vaise conectar unha estrada provincial, a EP-4001, cunha nacional. Ademais de desafogar o tráfico do casco urbano, con este viario de nova construción tamén se dotará de maior seguridade unha contorna na que, nestes momentos, se atopan centros educativos de infantil, primaria e secundaria e na que se prevé a edificación dun centro de saúde.