A Deputación destina 80.000 euros para que Catoira e Meis impulsen e melloren as súas infraestruturas deportivas municipais

Con estas achegas do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas Catoira acometerá obras no campo de fútbol das Lombas e Meis no da Armenteira

24/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas aos concellos de Catoira e Meis ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas por un importe total de máis de 80.000 euros. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou 770.000 euros dos 4 millóns de orzamento total do plan, que se abriu a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Polo de agora aprobáronse recursos para Pazos de Borbén, Barro, Cerdedo-Cotobade, Redondela, Poio, Arbo, Crecente, Marín, Cangas, Salceda de Casela, Catoira e Meis.

O Concello de Catoira recibe unha achega de 36.587,29 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para dotar o campo de fútbol As Lombas de novos vestiarios e aseos. Os servizos actuais atópanse baixo a grada, están en mal estado e teñen practicamente imposibilitada a entrada a persoas con mobilidade reducida por accesibilidade e dimensións. Os novos aseos e vestiarios, masculinos e femininos, situaranse nun bloque de nova construción na zona norte das gradas, a carón dos vestiarios actuais. De feito, aproveitaranse as instalacións de fontanería, saneamento, ventilación e electricidade xa existentes para a nova construción. A Deputación financia integramente esta actuación, valorada en preto de 59.000 euros, financiando o importe restante a través do Plan +Provincia.

No caso do Concello de Meis, a achega da Deputación alcanza un total de 43.688,22 euros e ten por obxecto un fin similar ao de Catoira: a adecuación dos vestiarios do campo de fútbol do Leixo, na Armenteira. A actuación permitirá ampliar o vestiario nun espazo onde fai anos se chegou a iniciar unha reforma que nunca finalizou e, ademais, permitirá que tamén poida ser empregado por ciclistas. As obras inclúen actuacións de albanelería exterior e interior, instalación eléctrica, iluminación e fontanería, e tamén se ampliará lixeiramente o ancho da beirarrúa de acceso, que pasará dos 1,5 metros actuais aos 1,8 metros. Esta achega permite financiar o 100 % do proxecto.