Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra

Servizo de Cultura e Lingua

A Deputación de Pontevedra aposta plenamente polo fomento, a promoción e a difusión da cultura en todas as súas manifestacións; distribúe os fondos culturais en programas dirixidos á totalidade dos concellos e asociacións sen ánimo de lucro, centros culturais e fundacións da provincia.

A través do Servizo de Cultura e Lingua colabora mediante a achega de subvencións e o apoio ás manifestacións culturais, eventos, actividades e foros encamiñados á dinamización do galego que realicen estas entidades. A súa finalidade é fomentar o uso do noso idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social.

Outra liña de colaboración é a que mantén cos concellos para a creación e o mantemento dos servizos de normalización lingüística. Tamén leva a cabo a promoción e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, así como a recuperación e rehabilitación do patrimonio histórico-cultural existente na provincia e a súa sinalización.

Entre as distintas accións que desenvolve este servizo están as exposicións itinerantes e os concursos de artes plásticas, canle de promoción para todos as persoas artistas, sen límite de idade, no eido da pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación, entre outras disciplinas, susceptibles de seren consideradas novos valores.

Outro referente da nosa cultura é o calendario de actuacións musicais e teatrais das compañías profesionais que, xunto ao pioneiro programa de actuacións Pontegal, conforman e mostran as diversas manifestacións xurdidas na provincia.

Contacto

Pazo provincial
Avenida de Montero Ríos, s/n
36071  Pontevedra
Tel. +34 986 804 100
Fax +34 886 210 411
E-mail: cultura@depo.es