Servizo de Comunicación Institucional da Deputación de Pontevedra

Servizo de Comunicación Institucional

Comunicación Institucional, a través das súas catro áreas (protocolo, publicidade, deseño e imprenta provincial), é a responsable da xestión e organización de actos e eventos que promove a Deputación de Pontevedra, así como a coordinadora de todas as accións comunicativas que contribúan a transmitir e potenciar unha imaxe positiva, coherente, transparente, clara e unificada da institución provincial tanto internamente coma no exterior.

O obxectivo final non é outro que lle achegar a Administración ó administrado mediante a transmisión, a través de diferentes elementos (actos e eventos, publicidade, deseños, etc.), das principais actividades que a Deputación de Pontevedra leva a cabo co fin de satisfacer as necesidades da cidadanía.

Protocolo

Responsable do protocolo corporativo e oficial, así como do cerimonial e da organización de actos públicos. Xestiona e coida os símbolos propios da Deputación de Pontevedra (escudo, bandeira, libro de honra, etc.) e coordina e atende as visitas de personalidades, delegacións ou grupos que asisten a actos oficiais, que son recibidos polo presidente da institución ou ben que veñen ás instalacións da Deputación. Tamén asesora os concellos da provincia en materia de protocolo.

Publicidade

Encárgase da difusión da actividade da Deputación, realizando, en función do proxecto, o soporte publicitario máis adecuado para poder chegar ó seu público obxectivo. Neste departamento elabórase a proposta do plan de medios, desenvólvense solucións e propostas de difusión, impleméntase a estratexia comunicativa e defínense e xestiónanse as campañas de publicidade, de tal modo que sexa rendible o investimento e se consiga unha opinión pública favorable. Igualmente, a través desta área se lles presta asesoramento ós concellos en materia de publicidade institucional.

Deseño

Coordina e controla a imaxe da Deputación, así como a estratexia e o deseño da imaxe e das ferramentas (invitacións, programas, folletos, publicacións, cartelería, lonas, rollers, fondos de escenario, photo-call, deseños publicitarios, merchandising, etc.) que cada proxecto necesita para a súa correcta difusión, velando sempre polo correcto cumprimento das directrices do manual de identidade corporativa. Encárgase, ademais, do asesoramento ós concellos da provincia en materia de imaxe institucional.

Imprenta provincial

Aquí fanse realidade os traballos desenvolvidos na área de Deseño. Daquela, leva a cabo a impresión dos deseños realizados e supervisados no departamento de Comunicación Institucional.

Contacto

Pazo provincial
Avenida de Montero Ríos, s/n
36071  Pontevedra
Tel. +34 986 804 100
Fax +34 886 210 011
E-mail:  comunicacion@depo.es