Noticias
Rodaxe

Xosé Leal: "o cinema de autor feito en Galiza e en galego pode ter moita repercusión e as administracións debemos estar aí para apoialo"

O deputado de Cultura e Lingua e a deputada Eva Vilaverde asistiron hoxe no curro de Amil en Moraña a unha xornada da rodaxe da longametraxe Trote de Xacio Baño, patrocinada pola Deputación


15 xullo 2017

"O cinema de autor feito en Galiza e en galego pode ter moita repercusión e as administracións debemos estar aí para apoialo". Así o manifestou hoxe o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na visita a unha das xornadas de rodaxe da primeira longametraxe do director Xacio Baño, Trote, que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra pola súa promoción da tradición galega da Rapa das Bestas no contorno do curro de Amil en Moraña, e polo desenvolvemento da trama en lingua galega.

Segundo manifestou o nacionalista, a Deputación decidiuse a patrocinar Trote porque mostra un "patrimonio vivo, unha realidade moi nosa" que son as rapas das bestas e que na provincia de Pontevedra se desenvolven non só en Sabucedo (A Estrada) ou en Oia, senón tamén en Amil (Moraña), nun contorno natural e paraxes espectaculares. Leal destacou tamén a importancia de apostar por directores que teñen un percorrido importante nos festivais de curtas da provincia e que se deciden a pasar ao mundo das longas. "Trátase de recoller o que se sementa cos festivais de curtas, e que esta nova fornada de directores teñan a posibilidade de dar un paso adiante", subliñou.

En calquera caso, o deputado explicou que o que máis pesou á hora de outorgar a axuda económica por parte da institución provincial foi o feito de que se tratase dun filme en galego, xa que ao seu xuízo as administracións deben fomentar que a xente do mundo do cine coparticipe na normalización da lingua. "É importante que o cinema de autor feito en Galicia e en galego teña repercusións fóra. Debe haber conciencia de que é posible facer cine en galego e as administracións debemos estar aí para animar, pular e que se desenvolva a afección ao cine en galego", asegurou.

Segundo explicou o propio director, Xacio Baño, o proxecto de Trote naceu como un filme en galego desde o inicio, xa que na película "estamos a falar da tradición e da cultura. Do que somos. Non podía ser doutra maneira", polo que agradeceu a axuda da Deputación de Pontevedra: "Eu estou moi satisfeito en xeral pola aposta en xeral que hai desde as administracións. No noso caso hai unha aposta decidida a todos os niveis que nos axuda a levantar a película e a poder facela. Non é doado facer cine. Non é doado facer cine en Galicia e menos en galego, polo que cada axuda fai falta", subliñou.

En canto á escolla da localización, Baño manifesta que atopou na rapa de Moraña "algo máis de verdade na loita entre o animal e o home" que en outras rapas que coñeceu ao longo da xeografía galega. "Buscamos en toda Galiza e tiven a sensación claramente de que aquí había algo que non pasaba nas demais: Había algo máis de respecto e menos de show, había algo máis de verdade na loita entre un animal contra un home. Así o sentín eu e decidimos gravar aquí en Amil", subliñou.

O deputado Xosé Leal, que subliñou que o patrocinio provincial ascende a 18.000 euros, indicou que unha vez rematado o filme haberá unha presentación para a veciñanza de Moraña, mais destacou que a súa difusión tamén chegará ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián e incluso a Berlín.

A trama e o equipo

O proxecto de Trote, segundo explicou Baño, xurde de dúas ideas, unha visual da rapa e os animais "que é moi apetecible de rodar", cunha historia propia e persoal " da metáfora da vida que é un curro, con animais pechados nun sitio no que se fan dano, marcas que doen, e se golpean igual que os humanos na vida". De aí xorde a historia de ficción de Carmen, unha rapaza que está nun punto vital no que ten que decidir entre a dicotomía de "coidar, atender á familia e ser humana, ou trotar e ser animal".

A equipa de rodaxe de Trote que hoxe se despregou en Amil (e que seguirá no día de mañá) está formada por máis de trinta persoas que continuarán a gravación durante catro semanas en diferentes localizacións. Entre o elenco de actores están María Vázquez, que interpreta a Carmen; Celso Bugallo como Ramón ( o pai); Diego Anido como Luís (o irmá) e Tamara Canosa como María (a amiga e parella de Luís).

Trote é un proxecto de ficción producido por Frida Films, responsable de títulos como María y los demás, seleccionada a concurso no Festival de San Sebastián 2016, Los Increíbles Sección Novos Directores-Festival de San Sebastián, ou La Mujer del Eternauta na Sección Oficial do Festival de Málaga e o Festival de Sitges, entre outros títulos.

Xacio Baño, director e coguionista da película, presentou o proxecto en Setembro de 2015 na Residencia Ikusmira Berriak organizado polo Festival de San Sebastián. Trote foi un dos catro proxectos seleccionados durante esa convocatoria, onde durante un mes e medio recibiu o asesoramento de expertos tan importantes como Paz Lázaro (directora de programación da sección Panorama do Festival de Cine de Berlín) e Marian Slot (produtora de Lars von Trier, Thomas Vintenberg ou Lucrecia Martel). Ademais, lKusmira Berriak garantizou a selección automática do filme no Festival de San Sebastián unha vez rematado o proxecto.

Fotos


Outras novas

Moeda xacobea O Grove

21 xullo 2017, o grove, carmela silva, escola cantería, xacemento, adro vello, juan ventura
Ano do Patrimonio

21 xullo 2017, asociaciones, asociacións, ano do patrimonio, subvencions
Trofeo Luis Otero

21 xullo 2017, fútbol, trofeo, luis otero, pontevedra c.f.
plan movese

21 xullo 2017, movese, plan movese, moraña, deputacion de pontevedra, santa xusta, santuario de amil