Noticias
Benítez

Uxío Benítez comparte mesa con representantes de Cataluña e do País Vasco nunhas xornadas sobre cooperación transfronteiriza e nacións sen estado

O deputado pontevedrés de Cooperación Transfronteiriza sinalou a necesidade de traballo conxunto dos territorios do Miño "para que a nosa sociedade común progrese"


19 abr 2016

O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, compartiu hoxe mesa con representantes dos gobernos catalán e vasco nunhas xornadas sobre cooperación transfronteiriza e nacións sen estado organizadas pola fundación Centre Maurits Coppieters, a Universidade do Minho e a Universidade de Santiago de Compostela. O nacionalista fixo fincapé na necesidade de traballo conxunto dos territorios galego e portugués do Miño "para que a nosa sociedade común progrese, xa que o Miño é o río que nos une".

Benítez desenvolveu un relatorio titulado "O Miño: o mito das fronteiras nas nacións sen estado". Na  súa mesa de debate, baixo o epígrafe 'Planificación espacial e cooperación territorial. Superando fronteiras, unindo nacións? Perspectiva política e dos implicados", estiveron tamén presentes o director de Relacións Europeas do goberno vasco, Mikel Antón; o director xeral de Planificación Territorial de Aragón, Joaquín A. Palacín; e o director de Relacións Exteriores da Generalitat de Catalunya, Rafael Giménez-Capdevila. Todos eles fixeron referencia aos obxectivos e novas oportunidades das nacións sen estado dentro da Unión Europea. Tamén participaron na xornada de hoxe representantes da University of Cambridge, da Swansea University e do University College of London, entre outros relatores.  No día de onte desenvolveuse na Universidade de Minho (Braga) a primeira parte do congreso.

O deputado pontevedrés fixo un percorrido histórico pola fronteira de Galiza e Portugal, remontándose á época dos romanos, na que o noroeste da Península Ibérica, ao igual que ocorreu nos séculos seguintes, tivo unha unión natural e lingüística que se rompeu só por decisións políticas. Fixo referencia a que o Reino de Galiza aparece documentado por primeira vez en 1282 no Armoria Segar da Inglaterra ao mesmo nivel que outros reinos coma o de Alemaña, Francia, España, Escocia ou Portugal. Tamén expuxo varios mapas nocturnos da NASA onde se aprecia, a día de hoxe, que as fronteiras administrativas non se corresponden cos espazos naturais utilizados polos cidadáns, quedando marcada unha liña clara por toda a costa portuguesa e a galega, mantendo a un tempo unha clara separación poboacional coa meseta. Como exemplo moi indicativo da separación obrigada dos veciños galegos e portugueses presentou unha diapositiva co mapa do tempo, no que non aparece o territorio de Portugal a pesar de ter unha maior relación real que con outras localidades estatais. Unha das referencias que puxo sobre a mesa o deputado nacionalista foi a viñeta do propio Castelao na que, estando á beira do Miño, un rapaz lle preguntaba a un vello: "E logo os da veira d'aló son máis extranxeiros que os de Madrí?".

Benítez destacou que, a día de hoxe, o territorio transfronteirizo do Miño ten unha poboación de referencia de aproximadamente 3 millóns de habitantes, entre a poboación das áreas territoriais do Porto e Vigo, que conta con importantes valores culturais, naturais, paisaxísticos de litoral e fluviais comúns, ademais de patrimonio lingüístico e histórico e outras potencialidades produtivas do sector agrícola, a pesca e o turismo. "Temos que acadar que parte dese importante fluxo e de poboación sexa atraído ao noso territorio, por iso debemos xerar valor, oportunidades de crecemento e cohesión social", manifestou o deputado.

Finalmente, sinalou que a día de hoxe a Deputación  de Pontevedra está a traballar para crear unha nova Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza que una os concellos galegos e portugueses da "raia" para levar adiante unha estratexia de desenvolvemento conxunta que permita acadar fondos europeos.


Novas relacionadas

xornada internacional sobre Cooperación Transfronteiriza

21 abril 2017, portugal, internacional, tui, cooperación, xornada

Outras novas


18 agosto 2017, terrorismo, minuto de silencio
Plan Concellos 2017

18 agosto 2017, carmela silva, plan concellos, as neves, plan concellos 2017, deputacion de pontevedra
Carballo

17 agosto 2017, areeiro, estación fitopatolóxica de areeiro, eva vilaverde, efa, estación fitopatolóxica, deputación de pontevedra, alberto oubiña, carballo, carmen salinero, effa, pedro mansilla, santa margarida
Revenidas 2017

17 agosto 2017, festivais, festivales, revenidas, riasbaixasfest