Noticias
Castelo de Soutomaior

Rotundo éxito das visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior con todas as entradas esgotadas

A Deputación de Pontevedra esgotou en tres semanas todas as entradas para as visitas teatralizadas ao castelo programadas ata setembro

En menos de tres semanas desde o comezo das visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior xa se esgotaron a totalidade das entradas dispoñibles para participar na actividade, programada desde maio a setembro. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo "rotundo éxito" deste programa, "unha grande idea cuxa extraordinaria resposta nos anima a repetir e ata a ampliar o número de sesións e prazas o vindeiro ano".

Silva recordou que a actividade se puxo en marcha o pasado ano por vez primeira e que este ano se está a repetir cun enfoque máis lúdico, dirixido a toda a familia. As visitas, nas que participan 30 nenas e nenos acompañados polas súas familias, mergulla ás e aos participantes "nunha divertida aventura a través da que coñecen os segredos e historia deste monumento medieval e que fai as delicias das e dos máis pequenos da casa".

Con estas visitas a Deputación de Pontevedra quere ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, desde as máis pequenas ás maiores, dun xeito divertido e interactivo para que as nenas e nenos poidan coñecer a súa historia desde un punto de vista máis próximo, de forma que cada visita sexa unha auténtica aventura. 

Así, as nenas e os nenos son nomeados "cabaleiras e cabaleiros", e, da man dun bufón e un trobador medieval acompañado polo seu laúde, coñecen as diferentes estancias do castelo, que tipo de comida se preparaba nos castelos, cales eran os cultivos daquela época ou quen foi a ilustre impulsora do feminismo María Vinyals, a marquesa Roja. As máis pequenas e pequenos son incluso retados a intentar liberar a un cabaleiro nos calabozos do castelo, e para conseguilo teñen que pasar unha serie de probas que as e os conducen ata a chave que abre a porta da súa cela.

En total, a Deputación de Pontevedra organizou para este verán  34 visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior de 45 minutos para grupos dun máximo de 30 persoas.


17 xuño 2017

Novas relacionadas

Visitas teatralizadas o castelo de Soutomaior

25 maio 2017, castelo de soutomaior, castelo, castillo, soutomaior, visitas teatralizadas, visitas, castillo de soutomaior
Visitas teatralizadas

27 set 2016, castelo de soutomaior, visitas teatralizadas