Noticias
Depoemprende

O persoal docente que participa no programa "DepoEmprende na Escola" comparte as experiencias de emprendemento

O Centro de Formación e Recursos de Pontevedra acolle, o 18 de xaneiro, unha xornada de titoría, na que se fará un seguimento das actividades realizadas no que vai de curso

O profesorado dos nove colexios participantes no programa "DepoEmprende na Escola" terá a oportunidade de poñer en común as experiencias que se están a desenvolver nos respectivos centros durante a primeira xornada de titoría deste curso, que terá lugar, o mércores 18 de xaneiro, no Centro de Formación e Recursos de Pontevedra.

Os centros participantes este curso no programa, dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dos colexios públicos da provincia de Pontevedra, son o CEIP Plurilingüe núm. 1, de Tui; o CEIP Barcelos, de Pontevedra; o CEP Plurilingüe Riomaior, de Vilaboa; o CEE Príncipe Felipe, de Pontevedra; o CEIP A Rúa, de Cangas; o CEIP Frián-Teis, de Teis; o CEIP Xulia Becerra, de Ribadumia; o CEP Antonio Magariños Pastoriza, de Cambados; e o CEIP Laredo, de Redondela.

Esta xornada de titoría é a primeira das tres que se desenvolverán durante este curso, que, xunto coas sesións de aprendizaxe para o profesorado desenvolvidas en setembro, permitirán completar un total de 20 horas de formación certificada, coas que o profesorado poderá obter as ferramentas necesarias para que o seu alumnado adquira a competencia emprendedora que este proxecto persegue, para que, durante o curso escolar 2016/2017, as rapazas e os rapaces creen e xestionen unha cooperativa na que fabriquen produtos para vender nun mercado ou feira da súa localidade.

O programa "DepoEmprende na Escola" ten como finalidade, ademais do obxectivo xeral, o desenvolvemento de distintas competencias asociadas á comunicación, análise da contorna física, creación, convivencia e cidadanía ou alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá, entre outros recursos, dun portal educativo en internet no que se lles ofrecerá información e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos usados nas aulas, así como para facer as súas propias achegas para facilitar a coordinación do proxecto.

A súa metodoloxía sitúa o alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe, xa que se basea nun traballo desde a práctica, no que esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, no que a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos na súa contorna máis próxima estarán presentes a diario. A materia incluída no programa desenvolverase dun xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos en distintas áreas de coñecemento, coma matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica ou "aprender a aprender".


05 xaneiro 2017 depoemprende, depoemprende escola

Novas relacionadas

Outras novas


17 febreiro 2017, presentación, ciclismo, nueva temporada, superfroiz
Ano do Patrimonio

16 febreiro 2017, ayudas, axudas, subvencións, subvenciones, ano do patrimonio, año del patrimonio
Reunión en Valença

16 febreiro 2017, transfronterizo, fondos, territorio, unión europea