Noticias
Plan Compost Revitaliza

O IES Sánchez Cantón recolle compost do Plan Revitaliza para fertilizar o seu novo horto escolar

As mestras e mestres composteiros da Deputación de Pontevedra entregaron hoxe un big bag con media tonelada de compost producido no composteiro do campus aos responsables do proxecto

O IES Sánchez Cantón vai poñer en marcha un novo horto escolar e para iso vai contar coa colaboración do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra: no día de hoxe tres mestres composteiros provinciais retiraron media tonelada de compost do composteiro do campus universitario e entregáronllo o profesorado do centro educativo para que o utilicen como fertilizante das hortalizas que o alumnado, a ANPA e a comunidade educativa plantará no seu "Verxel".

A iniciativa de crear un horto de xestión escolar xurdiu do profesor Francisco Carral en colaboración cunha estudante de Ciencias Forestais que está a realizar no IES o seu proxecto de fin de carreira, Isabel Ávalos Ayats. Entre outros obxectivos pretenden introducir ao alumnado o coñecemento dos procedementos de horticultura; producir produtos ecolóxicos; mellorar o estado actual de abandono da zona de situación do horto, converténdoa nun espazo de lecer; e concienciar á comunidade educativa da necesidade de tratar os residuos orgánicos para producir compost, incluso os que se producen no centro. De feito, para o vindeiro curso estase a estudar a posibilidade de instalar un composteiro propio no centro, para o que tamén contarán coa colaboración e asesoramento tanto da Deputación como do Concello de Pontevedra.

A intención do proxecto escolar a medio prazo é involucrar ao resto de materias escolares no desenvolvemento do proxecto e desenvolver un plan integrado con obxectivos educativos relacionados coas áreas de Tecnoloxía (ferramentas de labor, evolución e deseño); Educación Física (ergonomía e actividade física asociada); Ciencias Naturais (estudo biolóxico das especies a plantar, procesos de crecemento, nutrición, tratamentos); Lingua Galega (vocabulario, fraseoloxía, refráns e ditos, terminoloxía con palabras relativas ao cultivo) ou Linguas estranxeiras, de cara a facer horto bilingüe, con rótulos de termos en distintos idiomas.

Nestes momentos o horto escolar, que levará o nome de "Verxel", está na fase de construción das bancadas nas que se realizarán as plantacións. Unha vez rematadas encheranse con area, terra e o compost cedido hoxe pola Deputación. A medio prazo iniciarase a plantación de hortalizas, plantas aromáticas e outros elementos que decida o alumnado, profesorado e membros da asociación de nais e pais.


19 maio 2017

Outras novas

Quen Vive aí?

29 maio 2017, compostaje, compostaxe, proxectos, proyectos, ceip de lérez, ceip noalla-telleiro, ceip riomaior, ceip valle inclán, cpi toural, eei verducido
Libro

29 maio 2017, plazo, prazo, 2017, premio, candidaturas, otero pedrayo
Cinema e muller

29 maio 2017, festival de cans, cinema e muller, aava, andrea zapata, premiada
DepoEmprende na Escola

29 maio 2017, depoemprende, clausura, mercaemprende, na escola