Noticias
Carlema Silva

O Goberno da Deputación aproba achegar case 80.000 € para o pagamento de débedas e gasto corrente en dous concellos da provincia

Agolada e Fornelos de Montes son os beneficiarios destas achegas da institución provincial, enmarcadas na liña 2 do Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar a cuarta das concesións, no marco da liña 2 do Plan Concellos 2017, para a amortización, o pagamento de débedas e gasto corrente, así como para outros gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. Esta cuarta achega aprobada ten un valor de 78.111,17 €, que serán destinados a Agolada e Fornelos de Montes.

Carmela Silva sinalou que "esta é unha liña moi relevante, porque lles permite aos concellos facer fronte a actividades e, polo tanto, garantir que as veciñas e os veciños dos concellos da nosa provincia poidan desenvolver unha serie de proxectos, imposibles de subvencionar sen os recursos da Deputación de Pontevedra", así como facer fronte ás súas obrigas. Deste xeito, remarcou a presidenta provincial, "se esta liña non existise moitos deles non cumprirían as leis que marca o Goberno do Estado e que formulan a obriga de pagarlles aos acredores en tempo, a reducir a débeda e tamén a facer fronte ao gasto corrente".

En concreto, Agolada recibirá 76.011,17 € para o gasto corrente novo, para acredores de investimentos (climatización do velorio municipal e subministración de atrís e cadeiras para o auditorio), para o campamento musical, para o Campionato de Quads Cross e Moto Cross, para o campus Infantil e a liga de Fútbol 7 e para a XXI Mostra de Artesanía e Romaría Medieval. No caso de Fornelos de Montes a achega será de 2.100 € para o II Festival de Presenza e Son.

Con esta terceira aprobación da liña 2 do Plan Concellos 2017, a Deputación de Pontevedra investiu xa 614.941,26 € en dez concellos da provincia (Catoira, Portas, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa, Moraña, Poio, Vilanova de Arousa, Forcarei, Agolada e Fornelos de Montes) para a amortización, o pagamento de débedas e gasto corrente, así como para gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.

Este ano a achega total á liña 2 do Plan Concellos 2017 sitúase en 6.180.000 €, o que representa o 15 % da totalidade do Plan, que neste exercicio conta cun orzamento de 41,2 millóns de euros, isto é, un 3 % máis que o ano pasado.


19 marzo 2017