Noticias
Pago con tarxeta

Este luns abre as súas portas a nova oficina do ORAL en Moaña, a primeira en contar cunha ferramenta para o pago de recibos con tarxeta

O concello de Moaña ten delegada a xestión de todos os tributos municipais no servizo ORAL, que recadou en 2016 preto de 4 millóns de euros neste municipio


21 abril 2017

A oficina do servizo ORAL da Deputación de Pontevedra en Moaña muda o seu enderezo a partir deste vindeiro luns, 24 de abril. Deste xeito, as veciñas e veciños da comarca do Morrazo que precisen asistencia deberanse presentar no novo local do servizo de xestión e recadación de tributos da institución provincial, que pasa a estar situado no número 15 da rúa de Barxas, nas inmediacións da Casa do Concello de Moaña. Ademais, a de Moaña será a primeira oficina do servizo ORAL en contar cunha ferramenta de pago con tarxeta (o terminal punto de venta, TPV) e tamén incrementará o seu persoal de atención ao público.

No ano 2016, foron máis de 5.000 as persoas que acudiron á oficina para resolver trámites relacionados coa xestión tributaria do Concello de Moaña e a súa área de influencia. Con esta actuación, a Deputación de Pontevedra busca mellorar os servizos que presta aos e ás contribuíntes das entidades que teñen delegada a xestión dos seus tributos neste servizo da institución provincial. Ademais, ao situarse nun espazo moi próximo á Casa Consistorial de Moaña, poderanse resolver todos os trámites relacionados cos tributos locais deste concello nun único punto de atención.

Coincidindo coa renovación das instalacións, a Deputación de Pontevedra reforza en primeiro lugar o persoal dedicado á atención ao público, coa incorporación dunha nova persoa, como tamén as diversas canles alternativas de pago ao incorporar por primeira vez nunha oficina do ORAL o sistema de pago TPV. Deste xeito, posibilitarase o pago dos recibos con tarxeta na propia oficina, sen precisar acudir a unha oficina bancaria. O ORAL, ademais, conta cun centro de atención telefónica ás persoas usuarias e unha oficina virtual dende a que se poden realizar diversas xestión tributarias.

O ano pasado, o servizo ORAL recadou no concello de Moaña un total de 3.867.888,76 €, dos cales preto de 3.400.000 € se corresponderon co período voluntario e outros case 500.000 € co período executivo. O concello de Moaña ten delegados no ORAL todos os impostos municipais (algúns deles foron incorporados o pasado mes de febreiro coa sinatura dun novo convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación), entre eles o IBI, o IAE, o IVTM, o imposto sobre construcións, instalacións e obras, as multas de tráfico ou as licenzas de apertura de establecementos, entre moitos outros.

Lembramos que o ORAL é o servizo da Deputación de Pontevedra encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Á súa vez, encárgase de todos os trámites e xestións relacionadas coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, en especial a relativa ás multas de tráfico. O ORAL ofrece aos concellos da provincia a totalidade da tramitación dos seus impostos por delegación e, ao tratarse dun servizo centralizado, permite que calquera persoa poida facer un trámite relativo a calquera concello da provincia.

O ORAL ofrece servizos de información á persoa contribuínte (información tributaria, calendario fiscal, procedementos de recadación, información sobre formas de pagamento), tramitación de expedientes (cambios de titularidade, división de recibos, beneficios fiscais…), emisión de documentación (de existencia ou non de débedas, xustificantes de pagamento e relativa aos obxectos tributarios –solicitude de axudas á dependencia, de avogado/a de oficio…-) e outros, como a tramitación de expedientes catastrais ou asesoramento sobre recursos e comparecencias presentados ante a Xerencia do Catastro de Pontevedra.


Outras novas


18 agosto 2017, terrorismo, minuto de silencio
Plan Concellos 2017

18 agosto 2017, carmela silva, plan concellos, as neves, plan concellos 2017, deputacion de pontevedra
Carballo

17 agosto 2017, areeiro, estación fitopatolóxica de areeiro, eva vilaverde, efa, estación fitopatolóxica, deputación de pontevedra, alberto oubiña, carballo, carmen salinero, effa, pedro mansilla, santa margarida
Revenidas 2017

17 agosto 2017, festivais, festivales, revenidas, riasbaixasfest