Noticias
CIM Alto Minho

Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho presentan a nova AECT Río Miño como "unha oportunidade de desenvolvemento nun espazo común"

A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e o presidente da CIM Alto Minho, José María Costa, encabezaron a presentación dos estatutos da nova agrupación ante os 16 concellos galegos e as 10 cámaras municipais portuguesas adheridas

"Estou segura que a AECT nos vai permitir ter un territorio de referencia, e que será unha oportunidade de desenvolvemento para este espazo común" asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na súa intervención no acto de presentación da nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Minho. A cita tivo lugar esta mañá no Parador de Tui para presentar, ante os 16 concellos galegos e as 10 cámaras municipais portuguesas adheridas, os estatutos e a proposta de convenio aprobados o pasado 29 de xullo no pleno provincial. 

Carmela Silva estivo acompañada polo seu homólogo portugués, o presidente do CIM Alto Minho, José María Costa, polo presidente de Uniminho, Manoel Baptista, polo vicepresidente da CCDRN, Ricardo de Magalhaes, e polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús María Gamallo. O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, foi o encargado de presentar o acto institucional e aproveitou para facer un repaso pola oportunidade de unión que o Río Miño ofrece e que "debe ser aproveitado como un elemento de cooperación e non como unha barreira". "É responsabilidade nosa, dos representantes públicos, derribar as fronteiras que se foron creando co tempo" asegurou Benítez. Lembrou que se trata da fronteira entre España e Portugal máis poboada, con 375.995 persoas residindo no territorio transfronteirizo, que abrangue 3.312 quilómetros cadrados e que se sitúa na zona do fluxo económico situada entre Vigo e Porto. "Todas as iniciativas que temos a nivel local terán máis posibilidades de desenvolvemento se teñen un soporte máis amplo" sinalou o deputado. 

Na idea de crear un novo espazo para o desenvolvemento tamén incidiu a presidenta da Deputación asegurando que "vivimos nun mundo global no que a competitividade é feroz e as dificultades e os novos retos moi complexo, e para facerlles fronte precisamos botar man de grandes ideas como este proxecto que estamos hoxe poñendo en marcha".

Carmela Silva fixo fincapé en que a nova AECT poderá dar cabida "a sectores económicos que teñen moito futuro se entre todos e todas os sabemos potenciar, e por iso este proxecto ten todos os ingredientes para dar respostas ás demandas dos emprendedores, das iniciativas locais e das nosas veciñas e veciños". O obxectivo de conquerir  "un mesmo espazo entre España e Portugal" tamén foi mencionado polo presidente da CIM Alto Miño, José María Costa, quen asegurou que "o río é un elemento central de referencia, un elemento de converxencia"  que debe ser aproveitada para "seguir desenvolvendo estratexias de traballo conxuntas". O presidente da CIM facía tamén referencia á labor herdada de Uniminho, cuxo presidente, Manoel Baptista, lembrou a traxectoria deste organismo desde 2006 ata desembocar na actual AECT. 

Os estatutos e a proposta de convenio a asinar por ambas partes, toda vez foron aprobados en pleno provincial, deberán agora remitirse aos respectivos Gobernos centrais e, se pasados seis meses non houbese contestación, o silencio administrativo permitirá seguir adiante. Neste punto do procedemento, o que si se puxo de manifesto no acto desta mañá foi o apoio á nova agrupación por parte da Xunta de Galicia e da CCDRN de Portugal –Comissiao de Coordenaçao e Desenvolvimento Regional do Norte-. O vicepresidente da CCDRN, Ricardo de Magalhaes, louvou a creación da nova AECT e asegurou que este tipo de iniciativas son "froito de dinámicas locais en áreas directas, e este é o factor chave". Fixo un repaso polo polas AECT xa existentes en zonas transfronteirzas entre o Estado español e Portugal e lembrou que na zona fronteiriza con Castela e León existen seis agrupacións deste tipo. Pola súa banda o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús María Gamallo, puxo o foco en que "non se trata só de ter programas financiados pola Unión Europea, nós temos aquí o substrato social, económico e político que da pé a proxectos concretos". O director xeral tamén salientou "a auto-identificación da xente, porque a xente do norte de Portugal e de Galicia saben que forman parte dunha eurorrexión". Gamallo, que participa como conselleiro na AECT Galicia –Norte de Portugal, instou aos presentes a "ser capaces de facer bos proxectos, que é o que dalgún xeito artella este tipo de agrupacións". 

A presentación dos estatutos e da proposta de convenio realizouse ademais para dar conta ante os concellos e as cámara adheridas dos pasos dados desde a Declaración de Tui, asinada o pasado 13 de febreiro. "O de hoxe é un paso intermedio entre a Declaración de Tui e o momento no que os gobernos de Madrid e Lisboa dean o visto bo aos estatutos" sinalou Uxío Benítez. Ademais dos representantes das localidades de ambas beiras do Miño, tamén asistiron ao acto o deputado provincial de Cooperación, David Regades, e o comandantes navais do Minho en Tui e da capitanía do porto de Caminha.

AECT Río Minho

A AECT Río Minho será a terceira agrupación deste tipo que se formaliza entre Galiza e Portugal, despois da xa mencionada AECT Galicia-Norte de Portugal, e a AECT Eurocidade Verín-Chaves. Os dous socios principais da AECT  Río Minho son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, entes baixo os que se reúnen 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo).

Segundo os estatutos da AECT o seu obxecto será o de facilitar e promover a cooperación territorial entre os seus membros a través de accións de cooperación territorial para a execución de programas ou proxectos cofinanciados principalmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo ou o Fondo de Cohesión. Entre as atribucións da agrupación recóllese: articular o espazo común e fomentar as relacións de cooperación; incrementar a cohesión institucional do territorio de intervención; promocionar o patrimonio cultural e natural; o aproveitamento conxunto, defensa e protección do treito internacional do Río Minho e da súa bacía hidrográfica; promover o territorio da agrupación no exterior para poñer en valor as potencialidades dos recursos; e crear e consolidar a marca turística transfronteiriza Río Minho e outras marcas no ámbito nacional e internacional. 

A nova AECT Río Miño será unha entidade con personalidade xurídica que permitirá xestionar fondos europeos, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño. En canto ao organigrama, a nova AECT estará formada por unha asemblea e un órgano executivo. A dirección será un organismo unipersoal rotatorio que ocuparán representantes de  Pontevedra e Portugal cada dous anos, ao igual que ocorrerá coa vicedirección. Tamén haberá un Consello Coordinador, formado por membros das dúas partes, que será o encargado de asesorar á dirección e da xestión do día a día. Finalmente, haberá un Consello Consultivo aberto no que se organizarán foros específicos nos que poderán participar expertos en diferentes materias segundo as necesidades. 


09 ago 2016 cooperación transfronteiriza, cim alto minho, río minho

Outras novas

Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, mobilidade, movilidad, practicum depo
Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, camino portugués, camiño portugués, depo
Pontecesures

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, pontecesures, plan concellos 2017
Nigrán

16 xaneiro 2017, concellos, nigrán, plan concellos, plan concellos 2017
Mondariz Balneario

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, plan concellos 2017, mondariz balneario