Noticias
viñas

Areeiro percibe un adianto no pintado da uva albariña nas parcelas do Condado

O persoal técnico sinala unha ausencia da maior parte das patoloxías nas parcelas pero aconsellan manter a vixilancia


14 xullo 2017

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de indicar no seu último aviso fitopatolóxico un adianto no pintado da uva albariña, sobre todo detectado na comarca do Condado. Segundo indican, o tempo soleado deste verán permitiu que nestas datas xa se empecen a observar os primeiros acios de Albariño co brillo característico do inicio do pintado nas viñas máis adiantadas. "Loxicamente non é a situación máis habitual nas viñas, e só o observamos en dúas parcelas, pero é significativo que se observe a estas alturas", asegura a técnica Rosa Pérez.

En canto ás patoloxías a EFA indica que hai unha ausencia significativa dos síntomas da maior parte das patoloxías posibles nas parcelas, nas que a situación dos acios é moi sa, mais aconsellan manter a vixilancia á espera de comprobar a evolución da fenoloxía dos vindeiros días e tamén as condicións climáticas.

No caso do Mildio, a sensibilidade é menor a estas alturas, e en xeral as viñas están "moi sas porque en realidade nesta campaña a virulencia da enfermidade pódese considerar reducida". Polo tanto, de momento só se estima necesario continuar a vixilancia e controlar o excesivo desenvolvemento da vexetación e do exceso de gromos novos que se observa nalgunhas viñas.

Por outra parte, na viña do Salnés onde a semana anterior apareceron poboacións de trips comezáronse a ver esta semana síntomas máis evidentes no crecemento dos gromos afectados. Baixo a lupa observamos que de momento as poboacións non son moi elevadas, polo que o consello é agardar a ver a evolución antes de tomar a decisión de aplicar un tratamento. En canto ás enfermidades da madeira e os golpes de sol, a situación estabilizouse esta semana, aínda que de seguir este clima seco "sen dúbida continuarán aparecendo", indica Pérez.

Hortícolas en recolección

Naqueles cultivos como o tomate ou a pataca onde se están a levantar plantas pola colleita, lémbrase a importancia de eliminar todos os restos das parcelas, pois poden albergar a diferentes pragas. "Todos sabemos que o máis habitual é non retiralos, sobre todo nas patacas, pero coa súa eliminación reducimos o nivel das poboacións dos parasitos para o ano seguinte", indica Pérez.

En canto ao buxo, continúan avanzando os síntomas nas sebes non tratadas contra a Cydalima perspectalis, paralelamente ao incremento do tamaño das eirugas. Tamén nesta semana se observaron novos adultos, polo que desde Areeiro se lembra que como tratamentos poden utilizar produtos naturais como o aceite de parafina ou o azadiractin, ou outros piretroides de orixe sintética, debendo mollar moi ben as plantas, mesmo no interior das sebes.


Novas relacionadas

Aviso fitosanitario

07 abril 2017, areeiro, aviso fitosanitario, aviso, fitosanitario

Outras novas

Moeda xacobea O Grove

21 xullo 2017, o grove, carmela silva, escola cantería, xacemento, adro vello, juan ventura
Ano do Patrimonio

21 xullo 2017, asociaciones, asociacións, ano do patrimonio, subvencions
Trofeo Luis Otero

21 xullo 2017, fútbol, trofeo, luis otero, pontevedra c.f.
plan movese

21 xullo 2017, movese, plan movese, moraña, deputacion de pontevedra, santa xusta, santuario de amil