Noticias
Rodeiro

A mostra "Sorrisos transformadores" de visibilización do colectivo LGTBI chega ao Centro Cultural Manuel Lamazares de Rodeiro

A deputada provincial Digna Rivas inaugurou hoxe a exposición, que estará dispoñible ata o 19 de xaneiro en horario de mañá e tarde

A exposición fotográfica do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, "Sorrisos Transformadores", xa se pode visitar desde hoxe no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro. A deputada provincial Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, inaugurou a mostra "Sorrisos transformadores" de visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS, no marco da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño, e que xa está dispoñible neste espazo, en horario de 9:00 a 13:30 h e de 16:00 a 19:00 h, ata o vindeiro xoves 19. Rodeiro é a primeira parada da itinerancia da mostra, que xa estivo exposta na entrada do Pazo provincial desde finais de xuño ata mediados de outubro. Ademais, ás 12:30 h, a presidenta da asociación ARELAS, Cristina Palacios, impartiulle unha charla, no salón de actos do Centro, ao alumnado dos cursos 3º e 4º da ESO do CPI de Rodeiro.

A deputada provincial Digna Rivas lembrou que a mostra "Sorrisos transformadores" é "unha campaña de visibilización dirixida a toda a sociedade, xa que todas as persoas teñen que participar na prevención de actitudes e de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual e a identidade de xénero". Esta exposición nace da "homofobia e a transfobia que están sumamente arraigadas en todas as sociedades", unha circunstancia que, "combinada coa falta de información e formación", supón "a base da violencia e discriminación exercida contra as persoas con orientacións sexuais, identidades e expresións de xénero non normativas, ou cuxos corpos difiren do estándar socialmente aceptado dos corpos femininos e masculinos", asegurou Digna Rivas.

A deputada provincial agradeceulle ao Concello de Rodeiro "por ser o que inaugura un percorrido que, a día de hoxe, xa fará paradas en máis de 20 vilas desta provincia" e por se sumar ao obxectivo da Deputación de Pontevedra de que "esta provincia lembre que calquera tipo de violencia sobre este colectivo supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos". Neste sentido, Digna Rivas lembrou que tanto na Constitución (reiterada polo Tribunal Constitucional) coma na Lei 2/2014 a nivel galego se establecen expresamente a orientación sexual e a identidade de xénero, entre outros, como uns dos aspectos garantidos no dereito á igualdade e á non discriminación, ademais de establecer a obriga que teñen os poderes públicos á hora de promover unha liberdade e unha igualdade efectivas.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición fotográfica composta por 10 imaxes. Esta campaña de visibilización positiva do colectivo LGTBI inclúe os retratos de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta, e van acompañadas cada unha dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadores e educadoras, xuristas, políticos e políticas, psicólogos e psicólogas… A exposición ten un carácter itinerante e permanencia no tempo para prolongar a reflexión por parte da cidadanía. "Sorrisos transformadores" nace co obxectivo de lles dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e ás súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.


10 xaneiro 2017 rodeiro, sorrisos transformadores, lgtbi

Novas relacionadas

Entrevista Sorrisos Transformadores

24 xaneiro 2017, exposicion, pontecesures, sorrisos transformadores
Sorrisos

21 xaneiro 2017, pontecesures, mostra fotográfica, sorrisos transformadores

Outras novas


17 febreiro 2017, presentación, ciclismo, nueva temporada, superfroiz
Ano do Patrimonio

16 febreiro 2017, ayudas, axudas, subvencións, subvenciones, ano do patrimonio, año del patrimonio
Reunión en Valença

16 febreiro 2017, transfronterizo, fondos, territorio, unión europea