Noticias
Estrada

A Deputación de Pontevedra verifica que o afundimento na vía das Sinas foi provocado por unha filtración da rede de saneamento municipal

O ente provincial realizará unha valoración de danos e de custos que lle será remitida ao Concello de Vilanova de Arousa

A fochanca que apareceu hai dous días na vía das Sinas foi provocada debido a unha filtración da rede municipal de saneamento. Así o verificaron as e os técnicos do departamento de Mobilidade, que xa comenzaron a súa reparación. O afundimento do firme neste punto foi causado, concretamente, a partir dun pozo de rexistro que presentaba danos e que estivo producindo filtracións á plataforma da estrada. Estas filtracións foron realizando un lavado de finos que finalmente deu lugar á mencionada fochanca.

Unha vez que se verificou a orixe do afundimento, o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, lamentou "que o Concello non teña en bo estado a súa rede de saneamento, que foi o que provocou esta incidencia". Nestes momentos desde o departamento de Mobilidade xa se iniciou a reparación da fochanca, que rematará nos vindeiros días coa reposición do firme. Ademais, desde a entidade provincial levarase a cabo unha valoración económica dos danos e dos custos derivados desta incidencia, que lle será remitida ao Concello de Vilanova de Arousa, como titular da rede.

Desde o afundimento producido na estrada de titularidade provincial EP-9702, que une o centro urbano de Vilanova de Arousa coas Sinas, o pasado martes, as e os técnicos procederon a estudar a causa do problema para poder acometer a súa correcta reparación. Ao facer o exame técnico da zona comprobaron claramente que era o pozo de rexistro situado xusto a carón da fochanca o que presentaba as deficiencias de mantemento xa mencionadas e que finalmente remataron por afundir o firme da estrada. 


20 abril 2017

Outras novas

Ocupación

28 abril 2017, turismo, ponte, puente, ocupación, maio, mayo
Xunta de Goberno

28 abril 2017, silleda, fútbol, picei, campo herba sintetica
Tonucci

27 abril 2017, mobilidade, movilidad, francesco tonucci, tonucci, provincia tonucci, frato