Noticias
O proxecto ESTRAEE

A Deputación de Pontevedra recibe outros 2 millóns de euros dos fondos europeos para un proxecto transfronteirizo de xestión de residuos

O proxecto ESTRAEE, que liderará a institución pontevedresa, busca "un salto cualitativo" na xestión ambiental dos residuos eléctricos e electrónicos e a adaptación ás directrices europeas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa, da aprobación por parte da Unión Europea dunha nova achega de máis de 2 millóns de euros, que permitirá a posta en marcha dunha estratexia transfronteiriza para a "Xestión dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos" (ESTRAEE). Este programa ten por obxectivo a mellora da protección ambiental e o fomento de tecnoloxías innovadoras na xestión dos recursos, xerando sinerxías entorno á reciclaxe.

Trátase, en palabras de Carmela Silva, dun proxecto "que pretende dar un salto cualitativo" na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos recursos. E, nese aspecto, a presidenta amosou a súa satisfacción por ter acadado estes novos fondos europeos "máis tendo en conta que se realiza en colaboración con Portugal, o que nos permite que o espazo tranfronteirizo Provincia de Pontevedra-Norte de Portugal lidere medidas de protección do ambiente."

A presidenta da Deputación fixo ademais un chamamento para que todos os concellos da provincia se sumen  a este programa de xeito que se poida por en marcha unha estratexia conxunta de mellora de todos os puntos limpos e impulso de plans de negocio relacionados coa reciclaxe.

Segundo informou Silva, este programa pretende implantar melloras no sistema municipal de recollida dos concellos e a adecuación dos puntos limpos á directiva europea , de xeito que se garanta un correcto almacenamento dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.

O programa tamén ten por obxectivo a posta en marcha de mecanismos para unha mellor identificación das categorías dos residuos que sexan susceptibles de ser reciclados, a creación dun procedemento de acceso aos centros de preparación para a reutilización dos residuos e tamén a monitorización e análise do estado actual da reutilización que se está a facer. Por último, tamén se crearán  novos protocolos e un plan de negocio para a xestión destes refugallos.

Nesta ocasión, a Deputación de Pontevedra actuará como socia líder do proxecto, no que tamén participan outros catro socios españois e dous portugueses, todos eles con ampla experiencia no sector da reciclaxe e da innovación tecnolóxica. Así forman parte desta iniciativa internacional a empresa porriñesa Revertia, experta na xestión de residuos e impulsa accións de responsabilidade social corporativa; o centro tecnolóxico con sé en Vigo, EnergyLab, que estuda e impulsa a eficiencia e sostibilidade enerxética; ERP España; LIRSA; e as portuguesas ERP Portugal e LIPORT.

Estes fondos da Unión Europea súmanse aos tres proxectos anteriores aprobados por Europa para este goberno, cun orzamento total que supera os 7 millóns e medio de euros. Así ata agora, a Deputación provincial puxo en marcha, grazas á financiación europea, o proxecto "IN 4.0", para o impulso da dinamización e competitividade da industria naval; o "SMART MiÑO", para o impulso de estratexias de cooperación intelixente no río Miño Transfronteirizo, e o "VISIT RIO MINHO", para a preservación e valorización deste mesmo río.


19 maio 2017

Outras novas

Quen Vive aí?

29 maio 2017, compostaje, compostaxe, proxectos, proyectos, ceip de lérez, ceip noalla-telleiro, ceip riomaior, ceip valle inclán, cpi toural, eei verducido
Libro

29 maio 2017, plazo, prazo, 2017, premio, candidaturas, otero pedrayo
Cinema e muller

29 maio 2017, festival de cans, cinema e muller, aava, andrea zapata, premiada
DepoEmprende na Escola

29 maio 2017, depoemprende, clausura, mercaemprende, na escola