Noticias

A Deputación esíxelle á Xunta que asuma as súas competencias en igualdade e redefina a situación dos CIM

A deputada de Igualdade da institución provincial, Isaura Abelairas, insta á Administración autonómica "a que configure unha rede integral e equilibrada de CIM para garantir a atención a todas as mulleres da provincia"

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada delegada en Igualdade, Isaura Abelairas, esíxelle á Xunta de Galicia, a única que ten competencias nesta materia, que asuma os seus acometidos e redefina a situación dos CIM.

 En concreto, a deputada provincial referiuse á necesidade de que a Administración autonómica "configure unha rede integral e equilibrada de CIM en todos os concellos da provincia para que todas as mulleres, independentemente de onde vivan, teñan acceso aos mesmos servizos e non corran riscos polas dificultades dos concellos para prestar un servizo básico como é a información e asesoramento á muller".

Isaura Abelairas acusa o PP de estar a facer "política de baixura" co  caso concreto do CIM de Ponte Caldelas, obviando que o máximo responsable do financiamento e organización dos CIM é o Goberno da Xunta de Galicia, e  recordou que "o señor Rueda está a facer un uso partidario dun problema laboral herdado do anterior Goberno local do PP, que non xestionaba ben as contratacións impulsando, deste xeito, problemas laborais dos que son eles os únicos responsables". 

Cuestiona a deputada que se dediquen a criticar o alcalde de Ponte Caldelas cando dos 61 municipios da provincia de Pontevedra só 35 forman parte da rede CIM da Xunta, 21 de xeito individual e 14 mancomunados, "esquecéndose que 27 concellos desta provincia non teñen CIM".

Lamenta a deputada que, no canto de preocuparse por establecer unha rede integral e equilibrada de CIM na provincia, a Xunta de Galicia ten recortado nos orzamentos autonómicos destinados ás accións para a igualdade, protección e promoción da muller, con respecto ao ano 2010, un 16,48 %;  datos obxectivos que veñen amosar o compromiso que ten a Administración autonómica coa igualdade de xénero, que é cero, e a forma de facer política á que nos ten acostumadas e acostumados o Goberno do PP: recortar naquilo que non consideran prioritario, naquilo no que non cren".

Tamén asegurou Abelairas que a Xunta debe asegurar o financiamento dos CIM xa que as axudas que lles chegan aos concellos non teñen data fixa e varían a contía cada ano, xerando inseguridade no financiamento e dotando de escasos recursos para poder prestar un servizo adecuado que debería incluir investimentos en dinamización e prevención da violencia de xénero. De feito, no caso concreto de Ponte Caldelas, en 2015 destináronselle 35.196 €, e en 2017 27.050 €, 8.000 € menos.

Ademais, a deputada provincial sinalou que as axudas nos CIM están cofinanciadas polo FSE ata nun 80 % (o 20 % restante achégao a Xunta). "Así que –en palabras de Isaura Abelairas–  falemos en serio, que máis que xestionar os recursos doutras administracións o que debería facer a Xunta de Galicia é dotar de máis recursos a este servizo tan fundamental para garantir os dereitos das mulleres".

Isaura Abelairas recordou que "o PP debería estar calado xa que para este partido as políticas de igualdade non existen, de feito e como mostra, ata que chegamos nós á Deputación de Pontevedra nin existía un Servizo de Igualdade, nin orzamentos destinados a promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes".

Por todo isto Isaura Abelairas asegurou que "de ser real esta preocupación da Xunta, en vez de recortar en políticas de igualdade, de xerar inseguridade no financiamento e nas convocatorias para solicitar as axudas, o que debería facer é impulsar un plan global, unha rede integral e equilibrada de CIM, que é o que nós queremos, para todos os concellos de Galicia, para cubrir todas as necesidades dos concellos, para garantir que todos eles teñan este servizo e que haxa recursos suficientes e a longo prazo para garantir o seu mantemento, porque é a Xunta quen ten competencias, recursos e capacidade para poder facelo, porque a igualdade se cumpre con recursos, con orzamentos axeitados, e non con discursos".


10 xaneiro 2017 xunta, cim

Outras novas

Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, mobilidade, movilidad, practicum depo
Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, camino portugués, camiño portugués, depo
Pontecesures

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, pontecesures, plan concellos 2017
Nigrán

16 xaneiro 2017, concellos, nigrán, plan concellos, plan concellos 2017
Mondariz Balneario

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, plan concellos 2017, mondariz balneario