Noticias
Reunión polígono de barro

A Deputación de Pontevedra incentivará a venda de parcelas no polígono de Barro

Carmela Silva mantivo hoxe un encontro co empresario Magín Froiz, que xa adquiriu máis de 72.000 metros cadrados para a instalación dun centro loxístico e anuncia o seu interese por outro terreo de nove mil metros cadrados

A Deputación de Pontevedra incentivará a venda de parcelas no polígono de Barro para dar maior visibilidade e información sobre os terreos que aínda están dispoñibles para a instalación de empresas, segundo anunciou a presidenta, Carmela Silva, tras o encontro co empresario Magín Froiz.

Silva e Froiz mantiveron unha xuntanza para coñecer o proxecto que a empresa de distribución alimentaria ten previsto instalar na súa parcela de máis de 72.000 metros cadrados no polígono de Barro, na que tamén participaron o deputado, David Regades, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes.

A presidenta da institución provincial subliñou que o Grupo Froiz adquiriu un total de quince parcelas no polígono de Barro, cunha superficie de 72.675 metros cadrados, para a instalación dun centro loxístico. A venda das parcelas foi asinada o pasado día 22, polo que Froiz xa pode empezar a operar nelas no momento que queira. De feito, o empresario sinalou que xa están a traballar no proxecto de peche da totalidade da parcela.

O novo centro loxístico incluirá unha gran nave empresarial, de máis de vinte mil metros cadrados, e outras dependencias, de seis mil metros cadrados, para mercadoría en fresco. Estímase que estas instalacións contarán con entre 500 e 600 traballadores e poderán estar en funcionamento entre dous e tres anos.

Carmela Silva recordou que neste momento está vendido un total de 26 parcelas, que suman case 98.000 metros cadrados. Ademais, no polígono está instalado o viveiro de empresas da Deputación, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados.

Desde o pasado 4 de xaneiro puxéronse a venda ou cedéronse os dereitos das 48 parcelas restantes, que suman 157.263 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies, comprendidas entre os pouco máis de mil quiñentos metros cadrados ata os máis de seis mil. As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos, e con opción final de compra da mesma parcela.  

Para a venda destas parcelas Carmela Silva destacou que se van colocar grandes paneis nos accesos ao polígono, para que as empresas poidan ver claramente os espazos dispoñibles e os servizos que ofrecen, ademais de realizar un adecentamento xeral dos terreos coa eliminación da maleza.

Por outra parte, Carmela Silva tamén subliñou que as infraestruturas de servizos están na súa fase final de construción e que se espera que estean dispoñibles a finais do verán. A depuradora de augas residuais ten un orzamento de 850.000 euros e estará en servizo no verán. O mesmo acontece coa subestación eléctrica para o abastecemento do polígono, que ten un custo de 2,4 millóns de euros. Estes son investimentos que fai directamente a Deputación.  

Por último, a  presidenta da Deputación agradeceulle ao empresario Magín Froiz o seu bo facer na empresa de distribución, e destacou o seu exemplo como persoa comprometida coa provincia de Pontevedra. Froiz, pola súa banda, agradeceu a colaboración do Concello de Barro, do seu alcalde e de Carmela Silva para a posta en marcha do centro loxístico. O empresario anunciou que, en breve, se dirixirá novamente á Deputación para estudar a compra dunha nova parcela, de nove mil metros cadrados, para a instalación, entre outros servizos, dunha gardería para o seu persoal traballador.


11 xaneiro 2017 pontevedra, barro, poligono de barro, venta de parcelas

Outras novas

Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, mobilidade, movilidad, practicum depo
Rueda de prensa

17 xaneiro 2017, pontevedra, camino portugués, camiño portugués, depo
Pontecesures

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, pontecesures, plan concellos 2017
Nigrán

16 xaneiro 2017, concellos, nigrán, plan concellos, plan concellos 2017
Mondariz Balneario

16 xaneiro 2017, concellos, plan concellos, plan concellos 2017, mondariz balneario