Noticias
Examen

A Deputación contratará 18 funcionarios interinos e convocará 15 novas bolsas de mestras e mestres composteiros para "garantir a boa xestión dos centros de compostaxe do plan revitaliza na provincia"

O vicepresidente, Mosquera, explicou que as novas prazas laborais "por programa" se cubrirán mediante un proceso selectivo por oposición

O vicepresidente provincial, César Mosquera, anunciou hoxe que a Deputación contratará 18 funcionarios interinos e reeditará a convocatoria de bolsas de mestras e mestres composteiros co fin de "garantir a boa xestión dos centros de compostaxe do Plan Revitaliza en toda a provincia".

O nacionalista explicou que os bolseiros que actualmente exercen de mestras e mestres composteiros finalizan as súas prácticas –e polo tanto a súa relación coa Deputación– entre os meses de maio e xuño deste ano, polo que a intención é que o novo persoal do Plan Revitaliza poida estar seleccionado e operativo para esa data. "Contamos con profesionais que garanten da mellor maneira posible a xestión dos centros de compostaxe, co coñecemento máis avanzado que hai polo mundo. Creo que esa está a ser a clave do éxito dos composteiros xunto co bo facer da xente", explicou, para engadir que "precisamente para garantir que os composteiros se poidan xestionar ben" este ano se incluíron nos orzamentos as partidas necesarias para o persoal necesario.

A próxima semana aprobaranse as bases para a segunda convocatoria das bolsas de prácticas en Xunta de Goberno. De todos os aspirantes seleccionaranse os que obteñan as 20 mellores notas –nun exame de 100 preguntas test e unha entrevista persoal– para que se formen tecnicamente nun curso da Facultade da Compostaxe, xa homologado pola Universidade de Vigo. Finalmente concederánselles 15 bolsas ás e aos aspirantes con mellor expediente. As condicións económicas das prácticas serán as mesmas que as actuais: 1.400 euros ao mes (cos desprazamentos e axudas de custo incluídos) durante un máximo dun ano.

Por outra banda, e coa finalidade de profesionalizar e dar estrutura laboral ao Plan Revitaliza, Mosquera explicou que a Deputación contratará 18 funcionarios interinos: seis deles de categoría A2 e outros 12 de categoría C1. Estas prazas laborais non serán consolidables, senón "por programa", e manteranse só durante a execución do Plan Revitaliza (ou por un mínimo de tres anos máis unha prórroga). "Non queremos cargar de persoal definitivo a Deputación. Entendemos que se outro Goberno provincial non quere seguir adiante co programa de compostaxe non ten que manter os postos", subliñou Mosquera.

Para cubrir as prazas laborais porase en marcha unha oposición cunhas bases de convocatoria conxuntas, mais haberá temarios diferentes e un proceso selectivo tamén distinto en función da categoría. A expectativa, segundo abundou o vicepresidente, é que o número de candidatos sexa moi elevado: poderanse presentar ás probas, que son abertas, tanto as actuais mestras e mestres composteiros coma calquera outra persoa que reúna os requisitos e a titulación solicitada (un mínimo de FP2).

En canto ao número de traballadores do que disporá a Deputación para desenvolver o Plan Revitaliza, Mosquera recoñeceu que é unha cifra "moi axustada" tendo en conta o número de composteiros instalados na provincia e a previsión de futuro. Nestes momentos están colocados 48 centros de compostaxe comunitarios e, aínda aberto o prazo de adhesión para que os concellos apliquen a compostaxe como sistema de xestión de lixo, xa hai 22 municipios que comunicaron o seu interese na iniciativa.

"Estamos en 22 concellos e rozaremos os 30 polas nosas informacións. Para cada concello pequeno ou mediano non chegan dous mestres composteiros, en Pontevedra non chegarían sete para a primeira fase, polo que a previsión é que necesitaremos centos… pero dende a Deputación non podemos organizar máis cursos de formación este ano. O vindeiro ano si repetiremos", explicou o nacionalista, que tamén sinalou que os cursos da Facultade da compostaxe se están a facer cuns custos moi baixos grazas á colaboración case desinteresada de técnicos e especialistas tanto a nivel estatal coma internacional.

"Dificilmente se pode facer con tan poucos cartos un programa tan efectivo como o Plan Revitaliza", dixo –tamén– en relación ao aforro que supón para os concellos deixar de enviar a Sogama centos de toneladas de lixo orgánico.


11 xaneiro 2017

Novas relacionadas

Facultade da Compostaxe

18 feb 2016, compostaje, compostaxe, facultade de compostaxe, facultad del compostaje

Outras novas

Presidenta

24 marzo 2017, subvencións, subvenciones, cooperativas agrogandeiras, marisqueo, pesca
Presidenta

24 marzo 2017, plan concellos, mos, plan concellos 2017, 2017
Presidenta

24 marzo 2017, castelo de soutomaior, castillo, eucaliptos, retirada
Hora do planeta

24 marzo 2017, pontevedra, hora del planeta, hora do planeta
Alumnos asistindo a charla

23 marzo 2017, sanxenxo, compostaje, compostaxe, obradoiros