Noticias
Río Miño

A Deputación aspira a "borrar a fronteira do Miño" co impulso á nova ponte peonil entre Tomiño e Cerveira

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asegura que o deseño definitivo do viaduto, o primeiro para peóns sobre o río, estará definido a primeiros de 2017

A Deputación de Pontevedra aspira a "borrar a fronteira do Miño" co impulso á nova ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así o indicaron hoxe a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, na sinatura do protocolo de colaboración para poñer en marcha o concurso internacional de ideas que buscará diferentes opcións para a construción da nova pasarela de conexión entre o Espazo-Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho en Cerveira. A intención é que a nova ponte, a primeira peonil e sexta entre as beiras portuguesa e pontevedresa, permita unir as áreas recreativas dos dous países creando un parque transfronteirizo de xestión común cunha superficie de 100.000 metros cadrados, ademais de facilitar a conexión dos veciños e veciñas de Tomiño á estación de tren que existe en Cerveira.

A presidenta Carmela Silva destacou a necesidade de dar "luz ao río Miño" coa creación da ponte e do parque transfronteirizo, do que sinalou é único no Mundo polo contorno natural no que está. "Dicir que é único no mundo non é localismo nin chauvinismo. Hai poucos lugares de tanta beleza e potencialidade. É preciso preservar estes espazos e enchelos de contido humano", dixo, para engadir que a Deputación de Pontevedra "ten un compromiso moi especial con este territorio, cos concellos pontevedreses e portugueses, porque é inentendible que funcionen por separado en lugar de xuntos". Así, Silva subliñou que a construción da ponte "é unha idea de obrigado apoio" e que considera "un luxo que concellos como Tomiño e Cerveira nos pidan que impulsemos un proxecto que deixará pegada nesta e nas vindeiras xeracións".

Benítez, pola súa banda, destacou que a intención é que a ponte permita a creación dun "espazo naturalmente común" a dúas vilas e a dous países, dando continuidade á mobilidade peonil "nunha área verdadeiramente europea, sen fronteiras físicas ou psicolóxicas onde se establecen relacións de socialización, cultura, lecer, deporte ou coñecemento ambiental conxuntas". "Nalgún momento histórico o río Miño foi o centro, un eixo para a vida e non unha fronteira. Os seres humanos creamos esas fronteiras e é momento de derrubalas. A creación desta ponte é un símbolo de amizade e cooperación ", sinalou.

Debido a ese simbolismo, explicou Benítez, foi que se decidiu optar por facer un concurso de ideas: "queremos que os mellores arquitectxs, técnicxs e enxeñeirxs nos ofrezan a súa creatividade", sinalou. En canto aos prazos, a Deputación de Pontevedra poñerá a andar o concurso neste mes de xullo coa preparación das bases, que se farán públicas en agosto. Posteriormente, as tres administracións implicadas escollerán aos membros do xurado, en colaboración cos colexios profesionais oficiais, que estará formado por figuras senlleiras e representativas tanto portuguesas como galegas. A finais de ano escolleranse as tres propostas máis interesantes e designarase un deseño gañador, en base ao que se realizará o anteproxecto co que se iniciará a tramitación da obra.

"Todo esto é posible grazas a que a Deputación e a CIM presentaron o proxecto 'Visit Rio Minho' ao POCTEP, e agardamos que os fondos europeos cubran o 85% das accións solicitadas. A da ponte peonil para potenciar o parque transfronteirizo conxunto do Espazo-Fortaleza de Tomiño e o Parque de Castelinho é unha desas accións", explicou Benítez,  que aclarou que  Deputación decidiu ir adiantando o proxecto, de aí a sinatura do protocolo, para que a tramitación estea totalmente finalizada unha vez se coñeza a concesión das axudas da UE.

Alcaldes  de Tomiño e Cerveira: "desfronteirizar"

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Santra González, sinalou que o seu concello e o de Vilanova "sabemos moito de atravesar pontes, de nadar ríos, de tender lazos, de coñecernos e recoñecernos na distancia, de desfronteirizar" e subliñou que ese camiño deu hoxe, coa sinatura do protocolo, "un paso firme cara adiante, paso que se ve respaldado pola presenza da Deputación de Pontevedra".

"Con este proxecto non queremos simplemente construír unha pasarela peonil, queremos xuntar de xeito natural o que separou a man do home. Crear un único espazo de gran valor ambiental e patrimonial, un espazo tamén para o disfrute das persoas que vaia máis alá das fronteiras e que funcione dos dous lados da raia de xeito complementario, ampliando a oferta cultural, turística e de lecer das dúas marxes e constinuíndose por si mesmo como un lugar de referencia neste último treito do pai Miño", dixo a rexedora.

Finalmente, o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, João Fernando Brito, agradeceu á Deputación a grande receptividade para colaborar neste tipo de actuacións. "As pontes culturais, de unión común que hai entre os veciños das dúas beiras do río son as que levan á necesidade de pontes físicas que permitan o achegamento. Non debe ser ao revés, e no caso deste protexto sa institucións veñen de atender unha necesidade que dará lugar ao primeiro  europarque da península", subliñou.


08 xul 2016 río miño, tomiño, cerveira

Outras novas


19 xaneiro 2017, fitur, camiño de santiago, camiño portugués, camiño pola costa
Comic Castelao

19 xaneiro 2017, castelao, ano castelao, ponteareas, año castelao, anocastelao
Jovenes de Ponteareas

19 xaneiro 2017, violencia, violenciazero, ponteareas, violencia zero, violencia cero