Provincia Tonucci

Provincia Tonucci

A Deputación de Pontevedra está a traballar para converter Pontevedra na ‘Provincia Tonucci'. O novo goberno provincial, dende o seu departamento de Mobilidade, coincide coa filosofía do pedagogo italiano nas súas teses sobre a infancia e os espazos públicos: deben ser deseñados á medida das crianzas para que poidan ser aproveitados tamén polo resto da cidadanía. Nestes momentos 20 concellos da provincia xa forman parte da rede de cidades adheridas ao proxecto ‘Cidades dos nenos e das nenas'.

Para afondar na filosofía do pedagogo máis alá dos gobernos municipais, a Deputación celebrará entre o 24 de abril e o 11 de xuño diferentes actividades destinadas a toda a cidadanía e , específicamente, á comunidade docente e planificadores urbanos.

O propio Tonucci estará na provincia entre o 24 e o 28 de abril, cando realizará encontros con alcaldes das diferentes comarcas e visitará concellos adheridos á súa rede. Ademais, protagonizará varias conferencias.

A primeira será o luns 24 de abril, e por cuestión de permitir un maior aforo, a charla do Club Faro cambiará a ubicación inicial (instalacións do Club Faro)  e desenvolverase no Auditorio do Centro Social A Fundación en Vigo. O xoves  xoves 27 de abril ás 20.00 horas no salón de actos do Museo de Pontevedra, o pedagogo falará sobre ‘A autonomía das nenas e dos nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e a cidade', de asistencia libre ata completar aforo.

Xa o 28 de abril ás 17.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra –entrada libre -, Tonucci será o protagonista do acto principal da súa visita á provincia: impartirá a conferencia inaugural da exposición ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato', facendo un percorrido polas viñetas que asina con seudónimo, e que convidan a unha reflexión, por medio do humor, sobre os erros e as contradicións da educación e das cidades nas sociedades urbanas e desenvolvidas.

A mostra, que ten preto de 1.500 metros cadrados e estará aberta ata o 11 de xuño, recolle máis de 60 debuxos orixinais, fotografías, obxectos, publicacións, proxeccións, libros, espazos participativos e obradoiros didácticos .

Finalmente o 25 e 26 de maio, Pontevedra acollerá a reunión anual da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, que achegará ata a cidade do Lérez a máis dun cento de representantes de administracións e entidades de todo o Estado para expoñer o seu traballo, contrastar as súas iniciativas para potenciar a autonomía dos nenos e das nenas no espazo público e, sobre todo, para coñecer ‘in situ' o coñecido ‘modelo Pontevedra' ensalzado por Tonucci  en todo o mundo.