O noso Goberno

Plan concellos

O Plan concellos é a grande aposta da Deputación de Pontevedra dentro do seu compromiso cos municipios, especialmente cos máis pequenos, que son os que máis necesitan poder salvagardar os servizos e as actividades da súa competencia. O Goberno provincial, por medio del, asegura mediante criterios obxectivos a sustentabilidade financeira dos concellos de ata 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra, á vez que reforza os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal para impulsar a xestión municipal e promover o desenvolvemento económico e a creación de emprego, dúas bases fundamentais para o crecemento das vilas. A través deste Plan, que no ano 2017 está dotado con 41.200.000 € (un 3 % máis que en 2016), a Deputación garante os recursos suficientes para que os concellos poidan ofrecerlle á súa veciñanza unha prestación axeitada e íntegra dos servizos de competencia municipal cunha maior eficacia, eficiencia e coordinación. Isto lévao a cabo baseándose no principio de autonomía local, concedendo unha ampla liberdade de decisión para que sexan os gobernos municipais os que decidan, en función das súas necesidades reais, os investimentos aos que se destinan as achegas, que serán concedidas en réxime de concorrencia competitiva.