O noso Goberno

Mobilidade

Os espazos públicos son das persoas. É fundamental recuperalos para a cidadanía en lugar de deseñalos para os coches, e por iso é necesario un cambio de rumbo na maneira de concibir a mobilidade e o deseño das infraestruturas por parte das administracións.

O novo Goberno da Deputación de Pontevedra ten como eixe estratéxico desenvolver unha mobilidade sustentable e garantir unha maior seguranza viaria, non estragar o territorio e apostar polas prioridades das persoas en calquera estrada ou actuación.

Para iso estase a traballar no desenvolvemento dunha Estratexia de Mobilidade Sustentable que teña como criterios fundamentais a seguridade, a sustentabilidade, a inclusividade e a participación.

Se cun deseño urbano e infraestruturas viarias ben pensadas e deseñadas se consegue máis habitabilidade, menor sensación de perigo fronte aos coches e menos persoas feridas ou falecidas en accidentes de tráfico, a xestión pública acadará mellor os seus obxectivos.