Mostra Nado en pedra

Mostra "Nado en pedra"

"Nado en pedra" é unha exposición da Escola de Cantería –centro dependente da Deputación de Pontevedra– que pon en valor o traballo de temática figurativa elaborado nesta escola.

Coa intención de promover e conservar un dos oficios máis nobres e tradicionais de Galicia esta mostra non só fai fincapé na actividade que mozos e mozas desenvolven na Escola de Cantería –impulsando, ao mesmo tempo, unha saída laboral propia– senón que serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega.

Así, "Nado en pedra" favorece, ademais, unha achega á arte do traballo á man da pedra, especialmente por parte das xeracións máis novas, que poden descubrir así este oficio tradicional.

A Deputación de Pontevedra pon a disposición de todos os concellos da provincia esta exposición, composta por unha vintena de pezas de diversa temática. A mostra poderá instalarse en cada municipio por un plazo máximo dun mes.

Os concellos interesados en participar deberán cubrir o formulario de solicitude. Cada concello asumirá o traslado e a instalación das esculturas, así como a súa protección.