Etnoexperiencias, itinerarios e mostras do saber popular

Etnoexperiencias, itinerarios e mostras do saber popular

A arqueoloxía experimental é unha disciplina que busca coñecer técnicas do pasado desde unha metodoloxía científica. Esta fórmula ofrece unha maneira excepcional de achegarnos ao noso patrimonio histórico desde unha perspectiva científica,  pero tamén dunha maneira divulgativa e lúdica, e sobre todo,  gozando dunha experiencia única.

O Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra organiza co grupo Estela, Arqueoloxía e Patrimonio, unha serie de rutas a realizar pola provincia de Pontevedra, naqueles lugares de especial tradición dunha técnica. A realización destas rutas, de pequeno percorrido e escasa dificultade, permítenos entender o contexto xeográfico, histórico e natural relacionado coa materia tratada. Cada ruta inclúe unha actividade etnoexperimental relacionada coa técnica do lugar e, as máis das veces, con persoal propio da zona e oficios marcados.

Estas rutas son de balde e terán un límite de 50 persoas. Ante as necesidades organizativas e de loxística, será necesaria a inscrición previa e quedarase cos e coas participantes nun punto de comezo. O horario de cada ruta será de 10:30 a 14:00 h.

Destinos:

Forcarei: mel e cera. 18 de xuño

Os monxes do mosteiro de Aciveiro foron os impulsores de multitude de actividades na zona de Forcarei e o Candán, desde as antigas neveiras ata as famosas alvarizas para conseguir o mel. Nesta ruta que parte desde o propio mosteiro, descubriremos a paisaxe do Candán, para posteriormente no mosteiro asistir ás explicacións sobre a obtención de mel e cera a través das abellas.

Inscricións no Concello de Forcarei: 986 755 036 Ext. 1

Cotobade: cantería. 23 de xullo

Dende a casa do Concello de Cotobade, en Carballedo, partiremos en busca dos  expoñentes da arquitectura tradicional e a súa cantería. Pasando pola aldea abandonada de Arufe. Durante a ruta, coñeceremos o antigo traballo dos canteiros e máis as súas tradicións e singularidades, como o seu argot.

Inscricións no Concello de Cotobade: 986 760 001 ext. 3

Mondariz Balneario: carpintería. 30 de xullo

Saíndo dende o centro da vila, na praza do Gran Hotel Mondariz Balneario, realizaremos un pequeno percorrido polas ribeiras do río Tea, explicando as especies de  flora e fauna así como a historia do lugar. As explicacións estarán relacionadas principalmente co mundo da madeira, para introducir a exhibición de carpintería tradicional, que se realizará na propia praza do Gran Hotel.

Inscricións no Concello de Mondariz Balneario: 986 656 136

Oia: redeiras. 27 de agosto

Como punto de reunión estará a propia casa do Concello de Oia, dende alí realizarase un percorrido pola costa do Concello, para rematar na contorna do mosteiro  de Oia, onde as redeiras mostrarán as súas artes.

Inscricións no Concello de Oia: 639 329 493

Mos: cerámica. 30 de setembro

A depresión meridiana e a comarca histórica do Val da Louriña, debido ás súas formacións xeolóxicas, son lugares de especial concentración de arxilas. Estas arxilas foron empregadas desde hai miles de anos na conformación da cultura material galega,  a súa cerámica. A ruta partirá dende o Pazo de Mos, para continuar coñecendo a depresión meridiana, a súa historia relacionada coas vías romanas, o camiño de Santiago  e o ferrocarril. Finalizará cunha demostración e obradoiro didáctico  sobre cerámica tradicional.

Inscricións na OMIX do Concello de Mos: 986 339 404