Luis López sinala as máis de 2.000 atencións a case 500 empresas do programa “SmartPeme” como mostra do apoio da Deputación ao emprendemento na provincia

O presidente provincial foi o encargado de entregar un dos galardóns na décimo terceira Gala do Premio Xove Empresario e Iniciativa Empresarial organizada por AJE en Poio

18/04/2024

Luis López na entrega dos galardóns

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou as máis de 2.000 atencións prestadas a preto de 500 emprendedoras e emprendedores da provincia que tiveron lugar desde o inicio do segundo semestre do 2023 ata este ano ao abeiro do programa provincial de apoio ao emprendemento “SmartPeme” como mostra do compromiso da Deputación co crecemento empresarial e desenvolvemento económico da provincia. Fíxoo durante a gala de entrega da décimo terceira edición do Premio Xove Empresario e Iniciativa Emprendedora que organizou a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia este xoves no pazo de Colón en Poio. “O sector empresarial constitúe un motor vital para a nosa economía e o noso emprego. Para a Deputación, a colaboración co sector privado é moito máis que unha liña estratéxica, é cumprir co noso deber”, afirmou o mandatario provincial, despois de entregar un dos galardóns.

Nunha gala na que participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e se entregaron dous premios e tres accésits, Luis López puxo en valor o traballo de todas as candidatas e candidatos por “construír unha provincia e unha Galicia máis competitiva”, así como o labor de AJE Galicia por darlles visibilidade a estas iniciativas emprendedoras que son “reflexo dunha terra innovadora e atrevida”. Do mesto xeito, o presidente provincial agradeceulle ao Concello de Poio, representado polo seu alcalde, Ángel Moldes, por poñer a disposición o pazo de Colón para “celebrar a fortaleza do noso sector empresarial”.

O presidente da Deputación recoñeceu o mérito das e dos emprendedores, “que poñedes o voso patrimonio, tempo e ideas ao servizo dun ben común”, no desenvolvemento económico da provincia e de Galicia. Un motivo que xustifica o apoio do Goberno provincial a estes incipientes proxectos empresariais a través de programas coma “SmartPeme”, “un programa integral de acompañamento, asesoramento e cooperación que poñemos á disposición do tecido emprendedor da nosa provincia”, destacou. Neste sentido, López repasou as cifras deste programa que, desde a súa toma de posesión como presidente da Deputación, rexistrou case 2.200 asistencias a 481 empresas da provincia; organizou 91 obradoiros, nos que participaron 1.500 empresarias e empresarios; ou as aceleradoras, nas que participaron 29 empresas. Un programa específico que se complementa con outros proxectos coma o “+Provincia” ou o Plan de infraestruturas deportivas, nos que tamén “participa o tecido empresarial”.

A iniciativa empresarial da mocidade ten premio

Outro aspecto no que o presidente provincial fixo fincapé como mostra do apoio ao emprendemento está relacionado coa convocatoria da oitava edición dos Premios Provinciais á Xuventude que promove a Deputación de Pontevedra. Estes galardóns, que teñen aberto ata o día 26 de abril o prazo de presentación de solicitudes, inclúen unha liña específica centrada na iniciativa empresarial para mozas e mozos de 16 a 35 anos dotada con 4.000 euros. “Estou seguro de que moitos de vós cumprides os requisitos e tedes propostas máis que interesantes, convídovos a participar”, animou o dirixente.

“Somos unha provincia pequena en extensión, pero con grandes emprendedores”, asegurou Luis López e puxo en valor o seu impacto no emprego e no PIB da provincia, así como na súa capacidade de “converter unha idea nunha realidade porque sen empresas, sen traballadores ou sen talento todo queda simplemente nunha boa intención”.

“O sector empresarial da provincia e AJE teñen na Deputación de Pontevedra un socio leal e un apoio sólido”, concluíu o presidente, Luis López, e reitera os parabéns a todo o tecido empresarial, ao que anima a “seguir poñendo o voso traballo ao servizo de Galicia porque xuntos podemos seguir convertendo ideas en feitos”. 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.