A Deputación de Pontevedra contribúe á recuperación do sistema dunar de Samil con máis de 1,5 millóns de euros

A vicepresidenta, Luisa Sánchez, destacou a vontade de colaboración da institución provincial co Concello de Vigo no acto de arranque dunha nova fase deste proxecto

25/03/2024

Acto de colocación da primeira pedra do proxecto de recuperación do sistema dunar de Samil

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu esta mañá en Vigo ao acto de colocación da primeira pedra do proxecto de recuperación do sistema dunar de Samil, que se desenvolveu fronte á pista de aeromodelismo de Samil. Este ambicioso proxecto, que está dotado cun total de 2,3 millóns de euros, conta cunha achega por parte da institución provincial de 1,5 millóns de euros.

Esta actuación enmárcase nun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo polo que a institución provincial achega preto de 10,8 millóns de euros para posibilitar, ademais da recuperación do sistema dunar de Samil, distintas humanizacións e melloras da accesibilidade peonil, actuacións do programa “Vigo Vertical”, a mellora de firmes en vías municipais e a cubrición do patio do CEIP Plurilingüe Javier Sensat.

A actual fase (fase 1) inclúe o recuamento do paseo actual de entre 15 e 27 m nunha lonxitude de 250 m (o que implica a recuperación de 5.000 m2 do sistema), a demolición de 170 m do paseo soterrado baixo a duna (co que se recuperarán outros 1080 m2) e dos restaurantes e cafeterías sobre a duna, a creación dun novo paseo peonil de 12 m de ancho e 250 m de longo adaptado ao perfil natural da praia, a creación dunha praza, a mellora da accesibilidade do paseo, a creación dunha senda no piñeiral, a humanización da avenida de Samil no tramo paralelo á actuación e a substitución de especies arbóreas foráneas por piñeiros do país.