Noticias
Campus de fútbol

Comezou o Campus Alcántara coa chegada dos irmáns Thiago e Rafinha e coa visita do seu pai, Mazinho

O Goberno local caldelán agradece aos xogadores a escolla de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, xerando así un importante impacto


27 xuño 2017

O campo de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, acolleu hoxe os primeiros adestramentos dentro do Campus Alcántara, que dirixen os xogadores Thiago e Rafinha Alcántara, do Bayern de Múnich e do Barcelona. A xornada contou coa visita do seu pai, e ex xogador  do Celta de Vigo, Iomar do Nascimento, coñecido como Mazinho.

O Goberno local caldelán, presidido por Andrés Díaz, quixo agradecer persoalmente aos irmáns a súa escolla das instalacións de Ponte Caldelas e tamén da granxa El Kiriko, de Fornelos de Montes, o que está a supor unha importante proxección non só publicitaria, senón tamén económica para toda a bisbarra diante da mobilización de máis dun cento de persoas entre participantes, patrocinadores e acompañantes.

Os concelleiros do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) compartiron un rato cos irmáns Alcántara e o seu pai e agradeceron a súa estadía en Ponte Caldelas, nun ambiente de máxima cordialidade e espontaneidade. No acto estiveron presentes, ademais do alcalde, os concelleiros José Manuel Martínez e Manuel Barreiro.

Un total de 60 rapaces chegados de toda España, entre os que tamén hai alumnos ingleses, xaponeses e malteses, están xa participando no campus, no que reciben formación futbolística intensiva, en horario de mañá, e desenvolven actividades lúdicas nas instalacións de El Kiriko durante a tarde.

O campus está dirixido a rapaces de entre 8 e 16 anos. Foron seleccionados entre as solicitudes chegadas durante o prazo de inscrición. Mañá, mércores, terán unha xornada de convivencia coa Escola Deportiva Municipal de Ponte Caldelas, baixo a coordinación de Pedro Rodríguez, presidente da SCD Ponte Caldelas. Ademais, ao longo do día, atenderán a distintos medios de comunicación de ámbito nacional en entrevistas concertadas.


Outras novas

Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cangas, plan concellos 2017, espacios de juego, espacios de xogo, zonas de ocio
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cambados, plan concellos 2017, humanización