Luis López amosa o interese da Deputación coas iniciativas sociais e académicas da UNED para ofrecer máis cultura e máis formación á cidadanía da provincia

O presidente provincial mantivo un encontro co director da UNED Pontevedra, Víctor González, para analizar asuntos de interese mutuo para ambas as institucións

22/04/2024

Luis López reuniuse co director da UNED

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu no seu despacho do Pazo provincial o director da UNED Pontevedra, Víctor González Sánchez, para abordar asuntos de interese mutuo para ambas as institucións e establecer unha canle de comunicación áxil entre os dous organismos, que teñen na súa razón de ser a oferta de servizos de calidade para a cidadanía de toda a provincia.

Durante o encontro, ambos os dirixentes estudaron as posibles vías de colaboración en diversos programas que o organismo universitario promove, como a Cátedra de Integración Rexional, Unión Europea e América Latina, o encontro da Fundación Mulleres por África na UNED, a organización na cidade de Pontevedra da reunión do Consello do Campus Noroeste da UNED ou a contratación de dez mozas e mozos a través do programa Primeira Experiencia do SEPE e a convocatoria do Venias Docendi para ser titor desta institución.

Do mesmo xeito, López e González analizaron o proxecto para a reforma da sede da UNED en Pontevedra, que precisa melloras na súa estrutura: de eficiencia enerxética, na cuberta e nos accesos, así como unha revisión dos sistemas enerxéticos e da distribución dos espazos interiores do centro.

O presidente da Deputación interesouse tamén polos proxectos educativos que a UNED ten en marcha en Pontevedra, así como polas iniciativas para desenvolver nos diferentes centros asociados repartidos por toda a provincia. Neste sentido, Luis López tendeu a man da Deputación para colaborar coa UNED en todo o que sexa posible.

 

Galerias de imagenes