A Deputación investirá 150.000 euros na dotación de illas ecolóxicas e na instalación de prazas de aparcamento en 11 concellos da provincia para dar vida ao comercio local

Estas iniciativas, enmarcadas no proxecto “Da túa man” (rural), beneficiarán a Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures

26/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar preto de 150.000 euros para a subministración de illas ecolóxicas e a instalación de prazas de aparcamento ao abeiro do proxecto “Da túa man” (rural II), o programa financiado con fondos europeos de apoio á actividade comercial do rural da provincia que se desenvolve en once concellos da provincia. En palabras do presidente provincial, Luis López, esta iniciativa “pretende potenciar un dos principias motores económicos desta provincia. É algo vital para nós, para que os concellos, sobre todo os rurais, sigan con vida”.

En concreto, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar a Cogami Reciclado de Galicia S.L. a instalación de illas ecolóxicas, por valor de 109.000 euros nos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. Estas illas contarán con contedores específicos para o papel/cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos, estarán dotadas con paneis de información e contarán con xardineiras ornamentadas.

Por outra banda, Crous S.L. será a empresa encargada de instalar, por valor de 39.000 €, prazas de aparcamento reservadas e accesibles e xardineiras na contorna comercial de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro. A iniciativa busca asegurar que os municipios conten con estacionamentos específicos para persoas con discapacidade, debidamente sinalizados e co tamaño adecuado. Ademais, o embelecemento das zonas comerciais con xardineiras axudará ás persoas con discapacidade visual a orientarse na área.