Luis López destaca que a Deputación se confirma como a “casa do deporte” provincial coa acollida da final da Copa Galicia de fútbol sala en Príncipe Felipe

O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta, Luisa Sánchez, salientou a fortaleza do deporte feminino na provincia como un “motor de igualdade”

26/03/2024

Luis López na presentación do campinato de fútbol sala

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou que o ente provincial se confirma como “a casa do deporte” ao acoller no pavillón de Príncipe Felipe un acontecemento que “é máis ca un partido de fútbol. É unha mostra do gran nivel do fútbol sala feminino da nosa provincia e unha oportunidade para darlles ás nosas deportistas a visibilidade que merecen”, afirmou o mandatario provincial. Fíxoo durante a presentación da final da Copa Galicia de fútbol sala feminino, na que se medirán este Xoves Santo, a partir das 12 horas, o Poio Pescamar e o Marín Futsal, nun encontro que amosa a fortaleza do deporte feminino na provincia como un “motor de igualdade”.

Acompañado pola vicepresidenta provincial e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do ente provincial co deporte feminino tanto a través de apoio directo a deportistas e clubs como coa organización de eventos deportivos de interese xeral. Neste sentido, Luis López recordou a organización en Pasarón do partido da Selección Española campioa do mundo ou o encontro que terá lugar o vindeiro mes de abril no Porriño do combinado feminino absoluto de balonmán.

Unha aposta polo fomento do deporte que a Deputación comparte cos concellos onde xogan os dous equipos que disputarán a final deste xoves e cuxa rexedora e rexedor, María Ramallo e Ángel Moldes, participaron tamén na presentación do evento. “Son dous concellos que comparten con nós a prioridade polo deporte. En Marín reformarase o pavillón da Cañota para seguir apoiando deportes coma o fútbol sala e en Poio, un dos primeiros proxectos que me trouxo ten que ver cun macroproxecto deportivo”, dous proxectos que contarán co apoio da institución provincial.

Sobre a final da Copa Galicia, sostén Luis López que funcionará coma un altofalante para “dicirlle a toda Galicia que temos os mellores equipos, dicirlle a toda Galicia que en Pontevedra somos referentes en fútbol sala feminino e dicirlle a toda Galicia que as e os pontevedreses apoiamos e fomentamos o deporte feminino”.

Finalmente, o titular da Deputación animou a toda a cidadanía da provincia a asistir este xoves á final, que poderá seguirse tamén a través da TVG2, porque independentemente do resultado “aquí xa gañamos: gaña o futsal, gaña o deporte feminino e gaña a provincia de Pontevedra”, concluíu Luis López.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.