Rafa Domínguez convoca unha nova comisión de seguimento do convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para avanzar no proxecto de reforma de Santa Clara

Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro luns 29 de abril, ás 11:00 horas, no Pazo provincial, avaliarase o estado actual das actuacións no convento de Santa Clara e o cumprimento do convenio

22/04/2024

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, acaba de convocar ao alcalde de Pontevedra a unha nova xuntanza da comisión de seguimento e control do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para a cesión do recinto conventual á institución provincial para a súa incorporación ao Museo de Pontevedra e a súa rehabilitación con destino a fins museísticos. Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro luns 29 de abril, ás 11:00 horas, no Pazo provincial, avaliarase o estado actual das actuacións no convento e o cumprimento do convenio.

“Queremos facer partícipe, desde a lealdade institucional, ao Concello dos avances que se están a realizar en Santa Clara”, remarcou o vicepresidente provincial. Domínguez recordou que a actuación no convento “é vital para Pontevedra, para o modelo que queremos para esta cidade, como capital cultural con recoñecemento internacional e onde Santa Clara será a xoia da coroa e o Museo de Pontevedra o seu faro”.

“A nosa vontade é seguir avanzando en Santa Clara” afirmou o vicepresidente, quen aproveitou para recordar que o proxecto “progresa moi adecuadamente” coa implicación e compromiso da empresa Nieto Sobejano e grazas ao traballo “ímprobo” e á implicación do persoal funcionario da Deputación. “O noso obxectivo ―asegurou Rafa Domínguez― é festexar o centenario do Museo de Pontevedra, no 2027, con Santa Clara rematado”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.