A Deputación celebrará o 9 de maio a II Gala de Premios de Emprendemento na que galardoará as mellores iniciativas empresariais da provincia

O evento, que estará presentado pola xornalista Belén Xestal, ten por obxectivo visibilizar e poñer en valor o tecido emprendedor, premiando iniciativas referentes pola súa traxectoria

26/04/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que o vindeiro 9 de maio terá lugar a II Gala de Premios de Emprendemento, un evento que “pon punto final ao itinerario de actividades complementarias ligadas ao emprendemento que se levaron a cabo ao longo deste último ano”. O principal obxectivo desta gala é visibilizar e poñer en valor o tecido emprendedor, premiando aquelas iniciativas que, pola súa traxectoria, foron referentes na provincia de Pontevedra. A gala, que se celebrará ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial en Pontevedra, estará presentada pola xornalista Belén Xestal e contará cunha conferencia a cargo dunha persoa relevante do mundo empresarial da provincia.

No acto repartiranse dous premios dotados dun total de 5.000. Un deles irá dirixido a unha iniciativa consolidada na provincia, recoñecendo o éxito a longo prazo dun proxecto estable que destaque polo seu impacto na economía e na sociedade da provincia, co fin de inspirar a futuros emprendedores e promover o desenvolvemento económico. O segundo recoñecemento será para unha iniciativa empresarial que formara parte dalgún dos programas do itinerario de emprendemento do servizo SmartPeme no ano 2023-2024, co fin de fomentar e celebrar o espírito emprendedor, inspirando a outros a perseguir as súas propias ideas e proxectos.

Novos cursos SmartPeme

Por outra banda, a Deputación, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, ofertará a vindeira semana unha nova acción formativa enmarcada na súa carteira de obradoiros. O curso celebrarse de maneira telemática o luns, 29 de abril, ás 10:30 horas, baixo o título de “Ciberseguridade, ou phishing” da man do experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer en que consiste o phishing para poder identificalo con facilidade, que tipos hai e como protexernos xa que, a pesar de ser a forma más simple de ciberataque, tamén é a más perigosa.