Entidades locales menores

Entidades locais menores

As entidades locais menores considéranse legalmente entidades locais de ámbito territorial inferior ó do concello, con personalidade xurídica propia e facultades para xestionar os seus bens e servizos. Asígnanselles competencias para administrar e conservar o seu patrimonio, así como para executar obras e servizos do seu interese.

Esta calidade recoñeceuse por primeira vez no Estatuto municipal de 1924, que define a entidade local como un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos, diferenciados dos xerais do municipio.

Neste momento hai en Pontevedra oito entidades locais menores: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (ambas en Mondariz).

A organización das entidades locais menores establécese na propia lexislación. O alcalde pedáneo convoca e preside as reunións, executa os acordos da xunta veciñal, aplica o presuposto, ordena pagos e rende contas da súa xestión, ademais de vixiar a conservación dos camiños rurais, fontes e montes.

Existe ademais unha xunta veciñal composta polo alcalde pedáneo e un número par de vogais, dous ou catro segundo a poboación. Este órgano ten competencias para aprobar o presuposto, a censura de contas e as ordenanzas; para administrar e conservar os bens e dereitos da entidade; e para exercer as accións xudiciais e administrativas oportunas. En xeral, as súas funcións son aquelas que nun concello están atribuídas ó Pleno.